A Xunta reforza os instrumentos de apoio a proxectos innovadores para consolidar o crecemento e a creación de emprego

Wednesday, November 15, 2017 - 11:00
  • O director do Igape, Juan Cividanes, salientou a variedade de instrumentos financeiros existentes para atender as diferentes fases de creación, crecemento, consolidación ou internacionalización das empresas
  • Subliñou o apoio aos proxectos innovadores ou do ámbito 4.0 con programas de préstamos como os novos IFIs, ou o Galicia Emprende, que facilita axudas directas

O director do Igape, Juan Cividanes, destacou hoxe, durante a clausura da 4ª edición Investors Day ViaGalicia, o compromiso da Xunta de ofrecer unha rede completa de apoio a novos proxectos empresariais en Galicia, que vén de reforzarse coa activación do novo programa de Instrumentos Financieros Innovadores (IFIs), e en concreto coa liña IFI Emprende, que nace con vocación de catalizar tamén financiamento privado cara aos investimentos emprendedores.

Cividanes salientou que se melloran así os instrumentos de financiamento, públicos e privados, a disposición dos emprendedores, co obxectivo de que ningún proxecto viable quede sen desenvolver por non contar coas ferramentas axeitadas para as súas necesidades e peculiaridades.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, activou o novo programa de IFIs, que prevé mobilizar investimentos por máis de 60 millóns de euros no desenvolvemento de máis de 100 proxectos empresariais, especialmente nos ámbitos da Industria 4.0 e do emprendemento innovador. Con esta iniciativa refórzanse os instrumentos integrados no Programa Galicia 1000, que este ano prevé apoiar 3.000 proxectos empresariais en Galicia.

A nova liña IFI Emprende súmase a outros instrumentos como o Fondo Galicia Iniciativas Emprendedoras (FGIE) de Xesgalicia, que participa no financiamento dos proxectos seleccionados no marco de ViaGalicia. Cividanes lembrou que os emprendedores tamén poden acollerse ao programa de axudas Galicia Emprende, dotado con 5 millóns de euros e aberto á presentación de solicitudes ata o próximo 30 de novembro.

O programa Galicia Emprende apoia investimentos desde 25.000 ata 500.000 euros con subvencións que poden cubrir ata o 35%. No que vai de ano recibíronse 195 proxectos cuns investimentos proxectados que superan os 23 millóns de euros. En 2016 concedéronse apoios a un total de 81 proxectos, sumando investimentos por case 7 millóns de euros e a creación ou mantemento de 235 postos de traballo.

Co Investors Day desenvolvido hoxe conclúe a cuarta edición de ViaGalicia na que foron seleccionados 17 proxectos que tiveron a oportunidade de acceder a formación, asesoramento especializado e financiamento por importe de ata 125.000 euros para desenvolver os seus proxectos, así como a un espazo físico de traballo para o seu lanzamento.

Entre os proxectos acelerados nesta convocatoria destacan os relacionados coas TIC e o sector téxtil-moda, entre outros centrados en actividades como servizos de enxeñería, aeronáutica, sector farmacéutico, agroalimentario, pesca e turismo.

Investors Day ViaGalicia