A Xunta e Telefónica abrirán en 2018 unha nova edición de Galicia Open Future para impulsar o emprendemento no ámbito da industria 4.0

Thursday, December 14, 2017 - 15:15
  • Emprendedores e startups presentarán iniciativas innovadoras para resolver seis retos en base a necesidades concretas formuladas por empresas ou institucións 
  • Seleccionarase catro finalistas por reto, que terán acceso a un programa personalizado de mentoring e a un patrocinio personalizado de 10.000 euros 
  • A solución gañadora accederá a unha axuda de 20.000 euros para implantar o piloto da súa proposta na empresa tractora 
  • A Administración autonómica e o operador investirán preto de 1 millón de euros nesta iniciativa, enmarcada no Pacto dixital de Galicia 

 

A Xunta e Telefónica porán en marcha en 2018 “Galicia Open Future: edición retos Industria 4.0”, un programa de apoio ao emprendemento no que os participantes deberán propoñer solucións a seis retos no ámbito da Industria 4.0, formulados por empresas tractoras. O Consello do Goberno galego autorizou hoxe a sinatura do convenio entre a Administración autonómica e o operador, que contará cun investimento total de preto dun millón de euros ata 2019, dos cales a Xunta achegará 570.000 euros e Telefónica 425.000 euros.

“Galicia Open Future: edición retos Industria 4.0” lanzará diferentes convocatorias para cada un dos retos con base nas propostas definidas polas empresas, que serán seleccionadas previamente por Telefónica e a Xunta, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Consellería de Economía Emprego e Industria, a través da Agencia Galega de Innovación (GAIN) e o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e XesGalicia.

Admitiranse ata dez ideas por reto, cuxos promotores terán a oportunidade de coñecer en profundidade a problemática e as necesidades formuladas polas empresas durante tres xornadas de traballo intensivas. Os gastos de desprazamento derivados destas xornadas serán sufragados polo Igape. Tras este período, os emprendedores e startups presentarán os seus proxectos definitivos, dos cales se seleccionarán catro finalistas.

Aceleración, axudas e premios Aceleración, axudas e premios

As catro iniciativas seleccionadas contarán co apoio financeiro de GAIN -10.000 euros cada unha- e terán acceso a un programa personalizado de aceleración con sesións de mentoring e coaching especializado, acceso a un espazo de crowdworking na Cidade da Cultura e á plataforma en liña de Galicia Open Future. O mellor proxecto do programa de aceleración recibirá unha axuda de 10.000 euros da Amtega. 

O proxecto gañador de cada reto recibirá un premio de 20.000 euros a través de GAIN, para implantar un piloto da súa solución coa empresa que propuxo o reto. Ademais, poderá acceder a un préstamo reembolsable de XesGalicia de ata 100.000 euros polo investimento realizado na posta en marcha do piloto. Os outros tres proxectos finalistas, sempre que estean constituídos como empresa, poderán optar a un préstamo reembolsable por un máximo de 50.000 euros.

Galicia Open Future Galicia Open Future

A iniciativa Galicia Open Future naceu dentro do compromiso de Telefónica como asinante do Pacto dixital de Galicia, subscrito polo operador xunto con outras 12 empresas tecnolóxicas coa Xunta para impulsar o desenvolvemento tecnolóxico da Comunidade. Tras tres edicións, nas cales participaron 150 iniciativas emprendedoras, Galicia Open Future inicia unha nova etapa para impulsar o emprendemento no ámbito da Industria 4.0.

Con esta nova edición do GOF consolídase o polo tecnolóxico da Cidade da Cultura, onde está a sede da Amtega e outras das iniciativas do Pacto dixital, o Centro de Innovación social Dixital Vodafone Conecting for Good Galicia e o Centro de Excelencia en Intelixencia de Negocio de DXC.

 

Consello da Xunta
Category: