A Xunta destaca a importancia da ciencia e a innovación para dar respostas no novo contexto socioeconómico

Friday, June 5, 2020 - 16:00
  • A Axencia Galega de Innovación (Gain) informou sobre as convocatorias de apoio á innovación que están actualmente abertas ou próximas a convocarse
  • XesGalicia explicou os dous fondos de investimento orientados a dar apoio a empresas innovadoras, Innova Tech e Galicia Iniciativas Emprendedoras

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá na apertura da xornada online Presentación dos Instrumentos de apoio á Innovación da Axencia Galega de Innovación, XesGalicia e CDTI, na que destacou que a importancia da ciencia e da innovación se ten posto de relevo se cabe aínda máis neste novo contexto socioeconómico. Por este motivo, a resposta do Goberno galego é darlle a máxima prioridade á I+D+i.Argerey animou aos máis de 200 asistentes á xornada a aproveitar todos os programas de apoio que están actualmente abertos por parte de diferentes institucións para financiar os seus proxectos de futuro en materia de I+D+i. Pola súa banda, o director de XesGalicia, Fernando Guldrís, recalcou que en Galicia existen interesantes posibilidades de apoio público á innovación.Así, no marco desta xornada online presentáronse as axudas de apoio á innovación que ten actualmente abertas a Axencia Galega de Innovación, así como os fondos de investimento de XesGalicia orientados a empresas innovadoras. Representantes do o Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial expuxeron tamén as novidades nas súas liñas de financiamento á innovación.A Xunta tamén mantén abertas varias liñas de apoio á innovación destinadas a potenciar o tecido empresarial. Entre elas, destaca o programa Principia, destinado a fomentar a contratación de técnicos de ata 35 anos para a realización de actividades de I+D+i en empresas e organismos de investigación e que pecha o prazo de solicitude o vindeiro luns. Pola súa banda, está o programa InnovaPeme, orientado á mellora da capacidade innovadora de pemes e microempresas a través do apoio á implementación dun plan de innovación, cuxo prazo de solicitude pecha o 18 de xuño. Tamén se informou da liña que está actualmente aberta para fomentar a participación galega no programa europeo de I+D+i, H2020, e o programa ReAcciona do Igape que este ano incorpora como novidade, coa colaboración de Gain, tres novos servizos de apoio á innovación.Ademais, a Administración galega, a través de XesGalicia, dispón de dous fondos de investimento orientados a apoiar a actividade de empresas innovadoras, Innova Tech e Galicia Iniciativas Emprendedoras. Por un lado, Innova Tech apoia proxectos con marcado carácter innovador de empresas tecnolóxicas, en fase de expansión e consolidación; mentres que Galicia Iniciativas Emprendedoras impulsa a posta en marcha de novos proxectos por parte de empresas novas ou de recente creación.A xornada celebrada hoxe enmárcase no marco de colaboración entre a Axencia Galega de Innovación, dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e o CDTI que inclúe, entre outras actuacións, a promoción conxunta da I+D+i en Galicia e dos instrumentos de financiamento e programas de axudas estatais e internacionais en Galicia.

Xornada online