A Xunta destaca que a empresa pontevedresa Abcr Labs é un exemplo da aposta pola innovación para mellorar a produtividade

Martes, 30 Agosto, 2016 - 18:00

O director de Xesgalicia, Juan Cividanes, visitou esta mañá as instalacións, no municipio de Forcarei, nas que a compañía investirá 4 millóns para multiplicar por sete a súa capacidade produtiva e crear ata 40 postos de traballo A factoría é a única en Europa con laboratorio propio especializada no deseño e innovación de novos materiais

O director de Xesgalicia, Juan Cividanes, visitou esta mañá, no polígono industrial Vilapouca, na localidade pontevedresa de Forcarei, a empresa Abcr Labs, da que destacou que é un exemplo da aposta desde Galicia pola investigación e elaboración de novos materiais en base a compostos derivados do silicio para os sectores farmacéutico, nanotecnolóxico e microelectrónica.

Tras o encontro cos directivos de Abcr Labs, Cividanes informou de que a empresa vai a abordar unha inversión de 4 millóns de euros en ampliar as súas instalacións de Forcarei para incrementar a súa capacidade produtiva de 100 a 700 toneladas de produto terminado. Nunha primeira fase realizará a instalación de novos reactores e servicios e, na segunda fase, prevé a construción de almacéns para envases, materias primas e produtos. Con esta ampliación, Abcr Labs estima crear entre 20 e 40 novos postos de traballo nos vindeiros 5 anos.

O director de Xesgalicia salientou a aposta da compañía polo desenvolvemento de tecnoloxía innovadora e o esforzo que supón ser a única fábrica en Europa de compostos de silicio que conta cun laboratorio propio dedicado a desenvolver novos materiais para as necesidades das industrias. Na actualidade, Abcr Labs desenvolve o proxecto de investigación europeo Recyval-Nano sobre a reciclaxe dos compoñentes dos televisores de pantallas planas. Tamén estuda o tratamento de cuarzos que se empregan na industria cerámica para eliminar os efectos tóxicos, no marco do proxecto SiLife financiado pola Unión Europea. Ademais, cumpre coa normativa REACH da Axencia Química Europea (ECHA), que entra en vigor en 2018, para as industrias que importan máis dunha tonelada de sustancias químicas.

Cividanes subliñou que Abcr Labs, na que colabora Xesgalicia, é unha empresa con gran capacidade de crecemento. Constituída no ano 2009, iniciou a súa produción ao ano seguinte. En 2015 alcanzou unha facturación de 2,4 millóns de euros, o que supón un crecemento do 114% respecto a ano 2012. Na actualidade emprega a 28 profesionais.

Categoría: