Conde salienta en Vigo o apoio da Xunta á aceleradora loxística de Kaleido como clave para a mellora da competitividade

Lunes, 27 Febrero, 2017 - 12:30
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou hoxe as instalacións no porto vigués desta empresa referente en innovación e internacionalización
  • Logistic Tech Accelerator é unha das 6 aceleradoras seleccionadas no programa de Gain para impulsar o emprendemento innovador e co que a Xunta apoia cun investimento de 500.000 euros o desenvolvemento de 27 proxectos
  • Conde destacou que Galicia é un territorio relevante para a loxística lembrando que o Goberno galego está elaborando unha Estratexia específica para o sector para converter á comunidade na plataforma loxística do sur de Europa
  • O sector da loxística, clave nos récords de exportacións que está batendo Galicia, xera 42.000 postos de traballo e conta con 11.000 empresas, representando un 10% da facturación da industria galega

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou hoxe no porto de Vigo as instalacións da empresa Kaleido, líder no sector da loxística e referente en innovación e internacionalización. Na súa visita, coñeceu de primeira man as características da aceleradora de startups que desenvolve Kaleido desde o pasado ano en colaboración con RocketSpace, un espazo coworking emprazado en San Francisco, e que este ano, na segunda edición, recibirá o apoio da Xunta. Conde salientou que iniciativas como a de Logistic Tech Accelerator son clave para a mellora da competitividade do tecido industrial galego, facendo tamén referencia a outra aceleradora que desenvolve Kaleido no eido pesqueiro.

Logistic Tech Accelerator, a primeira startup especializada en loxística e transporte de mercancías a nivel mundial, é un dos 6 proxectos seleccionados no programa da Axencia Galega de Innovación (Gain) co que a Administración autonómica está a impulsar o emprendemento innovador. Cun investimento de 500.000 euros que mobilizará 1,2 millóns, a Xunta apoia o desenvolvemento de 27 proxectos empresariais que pertencen a diferentes temáticas: ademais da loxística, en TIC, saúde, biotecnoloxía, naval e educación, audiovisual e ocio. Os tres mellores proxectos poderán, ademais, completarse con préstamos participativos de XesGalicia de ata 50.000 euros. “O importante é que estas aceleradoras permitan unha transferencia ao mercado, que poidan aportar solucións tecnolóxicas para gañar en competitividade”, engadiu o conselleiro.

Conde, neste senso, puxo en valor a importancia dos programas de aceleración de empresas. De feito, a Rede de Aceleradoras apoiada pola Xunta, cun orzamento de 12 millóns de euros, xa permitiu financiar máis de 500 proxectos nos últimos 4 anos.

O conselleiro, ademais, destacou que Galicia conta con oportunidades para crecer no eido da loxística, explicando que é unha comunidade autónoma relevante neste sector pola súa posición xeoestratéxica na fachada atlántica. “Galicia conta cun enorme potencial para gañar competitividade e ofrecer novas solucións loxísticas ao tecido produtivo”, apuntou.

No ámbito da loxística, o Goberno galego está elaborando a Estratexia Integral de Optimización Loxística de Galicia para convertela na plataforma loxística do sur de Europa. Esta folla de ruta constituirá un documento base de actuación, fundamentalmente en materia de xestión, coordinación e especialización que permitirá a medio prazo poñer en valor as súas fortalezas e capacidades diferenciais e centrar as oportunidades de Galicia para a atracción de operadores e empresas.

A loxística é clave nos récords de exportacións que está batendo Galicia, que xera 42.000 postos de traballo e conta con 11.000 empresas, representando un 10% da facturación da industria galega.

 

Innovación e internacionalización

Conde puxo como exemplo a Kaleido pola súa aposta pola innovación e internacionalización, xa que afirmou que son eidos clave para a competitividade das pemes galegas.

Kaleido experimentou un crecemento vinculado ao sector da pedra natural, converténdose en referente mundial no transporte e distribución do granito para despois estender os seus servizos a outros eidos como o eólico ou da automoción. Con 70 empregados, a compañía destaca, segundo resaltou Conde, ademais de polas súas aceleradoras, polos seus programas de innovación e por ter presenza en 10 países como México, China, Angola ou Brasil. A súa rede internacional está composta por máis de 50 axencias e 450 colaboradores no estranxeiro.

Categoría: