A Xunta salienta o seu compromiso co cooperativismo para dinamizar e modernizar o rural de Galicia

Lunes, 4 Diciembre, 2017 - 11:00
  • A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, visitou hoxe en Santiago a cooperativa Strelia Electrotecnia que destaca polo seu traballo no desenvolvemento, fabricación e implantación de sistemas electrotécnicos
  • Toca pon en valor o Fondo de Economía Social (FES) de XesGalicia, de 5 millóns, para impulsar o desenvolvemento de novos proxectos relacionados coa economía social

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, visitou hoxe en Santiago a cooperativa Strelia Electrotecnia, onde ratificou o compromiso da Xunta co cooperativismo e a economía social para seguir dinamizando e modernizando o rural galego.

Toca destacou as ferramentas das que dispón a Xunta para impulsar este sector da economía galega na visita que desenvolveu a esta compañía, que resalta polo seu labor no desenvolvemento, fabricación e implantanción de produtos e sistemas electrotécnicos. Céntrase na realización de proxectos, en colaboración con outras empresas, en áreas como a oceanografía, transformación agro-forestal, ciencias da terra e servizos ás operadoras de telecomunicacións.

Para impulsar a economía social e o cooperativismo en Galicia, Toca puxo en valor medidas como son a Lei de Economía Social, que da voz a un sector que aglutina a 7.000 entidades; o Fondo de Economía Social (FES) de XesGalicia, de 5 millóns de euros, para impulsar o desenvolvemento de novos proxectos; a Rede Eusumo, formada por 191 entidades para fomentar o cooperativismo; e os recursos para o impulso do emprendemento colectivo, cun orzamento que este ano ascende a 5,4 millóns de euros.

Eusumo é unha rede de colaboración impulsada pola Xunta para fomentar o cooperativismo e a economía social, coa que se pretende promover o espírito emprendedor, prestando apoio directo á creación e consolidación de emprego con base na economía social. A través desta canle, creada polo Goberno galego en 2012, constituíronse máis de 120 cooperativas e xeráronse xa máis de 460 empregos directos.

A Xunta, ademais, conta co programa de axudas Aprol Economía Social para impulsar a competitividade e o crecemento neste sector.

Visita Strelia Electrotecnia
Categoría: