A Xunta apoia a empresa Libera Bio para que poida seguir avanzando no desenvolvemento de medicamentos biolóxicos contra o cancro

Lunes, 24 Enero, 2022 - 08:45

A través de XesGalicia achega 289.500 euros na ampliación de capital da sociedade

Galicia conta coa Estratexia de consolidación do sector biotecnolóxico galego 2021-2025 coa que se agarda mobilizar 660M€ e crear 500 novos empregos vinculados a este sector

XesGalicia participará, a través de Galicia InnovaTech, nunha ampliación de capital da sociedade Libera Bio, achegando 289.500 euros.

Trátase dunha spin-off da Universidade de Santiago de Compostela (USC), localizada no Edificio Emprendia, constituída en xuño de 2020 e promovida pola catedrática María José Alonso, xunto coa Dra. Desirée Teijeiro (COO) e Olivier Jarry (CEO). O proxecto, que participou no programa de valorización Ignicia, conta na actualidade co apoio das iniciativas Talento Sénior, Galicia Emprende e BioIncubaTech. A actividade de Libera Bio está centrada no desenvolvemento de tratamentos personalizados contra o cancro baseados nunha nova nanotecnoloxía, coñecida como MPN Technology®, que permite a distribución selectiva de medicamentos biolóxicos (como anticorpos monoclonais) a tumores e células metastásicas.

Tras a entrada de Nowture no mes de xuño deste ano, Galicia InnovaTech súmase nesta segunda ronda de novos investidores xunto con Rosp Corunna Participaciones Empresariales e un investidor privado.

Isto proporcionará o financiamento necesario para avanzar no desenvolvemento de dous medicamentos biolóxicos anticanceríxenos en colaboración cunha compañía farmacéutica global. O obxectivo estratéxico de Libera Bio é facer que os novos tratamentos contra o cancro estean dispoñibles para tantos pacientes como sexa posible, polo que considera tanto desenvolver os seus propios medicamentos como licenciar a súa tecnoloxía para que outras empresas a poida utilizar.

Con esta operación a Xunta segue amosando o seu compromiso co sector da biotecnoloxía, un eido para cuxo impulso o Goberno galego conta coa Estratexia de consolidación do sector biotecnolóxico galego 2021-2025, que mobilizará 660 millóns de euros neste quinquenio, o dobre que no período anterior, para favorecer un crecemento verde e sustentable. Permitirá incrementar nun 50% o número de empresas e crear máis de 500 novos empregos cualificados vinculados a esta actividade.

Actualmente, Galicia conta cun sector biotecnolóxico competitivo a nivel nacional e internacional, xa que é a segunda comunidade autónoma que máis empresas biotecnolóxicas creou; o 5,82% das firmas biotech españolas están situadas en Galicia e a Comunidade sitúase na sexta posición entre as CCAA en gasto en actividades en I+D relacionadas coa biotecnoloxía.

Libera Bio
Categoría: