A Xunta destaca a fortaleza dos clústers galegos e o seu labor impulsando proxectos de internacionalización e mellora competitiva

martes, 14 Febreiro, 2017 - 12:15
  • O director do Igape, Juan Cividanes, salienta durante a súa intervención nun encontro co CFV arredor dos instrumentos para a mellora da competitividade empresarial que son galegos tres dos cinco clústers españois con distinción europea de calidade Gold Label
  • Destaca a aposta da Xunta para apoiar a transformación dixital da empresa galega e refírese a programas colectivos que están a ser pioneiros en España para apoiar a formación e os investimentos no ámbito da Industria 4.0
  • Apunta igualmente a programas como o Galicia Exporta ou o Foexga como instrumentos eficaces para seguir avanzando na internacionalización do tecido produtivo de forma eficiente

 

O director do Igape, Juan Cividanes, destacou hoxe a fortaleza dos clústers galegos e a relevancia do seu labor para coordinar proxectos colectivos e para impulsar a mellora da competitividade ou acelerar e asegurar os procesos de internacionalización das pemes.

Durante a súa intervención nun encontro sobre os instrumentos para a mellora da competitividade das empresas que se desenvolveu este mediodía no Círculo de Empresarios de Galicia-CFV, Cividanes lembrou que son galegos tres dos cinco clústers españois con distinción europea de calidade Gold Label, e que, así, tres dos 79 clústers europeos coa máxima etiqueta de calidade, Ceaga, Clúster da Acuicultura e Clúster TIC, son galegos.

O director do Igape salientou así mesmo a firme aposta da Xunta para facilitar a transformación dixital da empresa galega, con programas de servizos avanzados como ReAcciona e ReAcciona TIC, e referiuse igualmente a programas colectivos que están a ser pioneiros en España polo seu apoio ás iniciativas colectivas de formación e aos investimentos no ámbito da Industria 4.0.

Juan Cividanes destacou que os proxectos colectivos, coordinados por clústers cada vez máis sólidos e representativos, constitúen algúns dos mellores instrumentos para optimizar os recursos públicos e lembrou, a modo de exemplo, que xa está activada a convocatoria do programa Galicia Exporta para organismos intermedios, para seguir apoiando proxectos de grupos de empresas neste eido.

O director do Igape recordou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de activar a segunda edición do Concurso de Ideas Industria 4.0, dotada con catro millóns de euros e coa que se prevé mobilizar 10 millóns en seis proxectos piloto nos que se agarda a participación de arredor de medio cento de pequenas e medianas empresas galegas. O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o próximo 3 de maio.

No marco da convocatoria para proxectos relacionados coa fábrica intelixente do ano pasado están desenvolvendo proxectos, de acordo co previsto na Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, un total de 38 empresas dos sectores de automoción, aeronáutico, madeira e agroalimentario.

Categoría: