A Xunta destaca que as solucións innovadoras que aportan os proxectos de Vía Galicia melloran a calidade de vida dos cidadáns

venres, 20 Xaneiro, 2017 - 11:45
  • A directora de Gain, Patricia Argerey, asistiu hoxe en Lugo á clausura do Demo Day, un encontro na que os participantes na sede lucense presentaron os seus proxectos ao comité técnico que se encargará de elixir as propostas finalistas que estarán na Fase de Aceleración
  • Subliñou que nesta edición se presta especial atención á Industria 4.0, con proxectos relacionados con sectores estratéxicos para Galicia, como o téxtil, a alimentación, as TIC ou o aeroespacial, onde Lugo xoga un papel destacado a través do polo tecnolóxico e industrial de Rozas
  • A través das tres convocatorias anteriores deste programa que impulsa o emprendemento, creáronse 35 empresas e xeráronse máis de 100 empregos

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, xunto á delegada especial do Estado para o Consorcio da Zona Franca de Vigo, Teresa Pedrosa, asistiu hoxe en Lugo á clausura do Demo Day, na que os participantes na Fase de Academia de Vía Galicia na sede lucense presentaron os seus proxectos ante o comité técnico que se encargará da selección das propostas que pasarán á Fase de Aceleración. Neste sentido, Argerey destacou que todas as iniciativas recollen solucións innovadoras que permiten mellorar a calidade de vida dos cidadáns.

Pedrosa, pola súa banda, animou a todos os participantes a seguir activando a creatividade a prol do desenvolvemento económico de Galicia sexan ou non seleccionados “voso é o futuro, da vosa imaxinación e de voso esforzo depende o país” dixo a Delegada da Zona Franca.

Nesta cuarta edición, participaron ao redor de 40 proxectos na Fase de Academia entre as sedes de Lugo e Vigo. A directora de Gain, que asistiu á entrega dos diplomas aos proxectos participantes de Lugo, destacou que todas as iniciativas reúnen os requisitos para converterse nunha realidade empresarial: “Todos son proxectos que teñen utilidade para a cidadanía e contan con potencial económico”, afirmou Argerey, que ademais lembrou os servizos e instrumentos de apoio dos que dispón a Consellería de Economía, Emprego e Industria para a creación e a consolidación de novos proxectos empresariais en Galicia.

Mañá, no Porto do Molle de Nigrán, serán os participantes en Vigo nesta cuarta edición de Vía Galicia os que presentarán as súas propostas. Na Fase de Aceleración estarán presentes un total de 15 proxectos, entre Lugo e Vigo, aos que se poden xuntar nesta ocasión tres iniciativas que tamén están participando e que están vinculadas ao ámbito aeroespacial, un sector estratéxico e en crecemento no que Lugo xoga un papel esencial a través do polo tecnolóxico e industrial de Rozas.

A directora da Axencia Galega de Innovación sinalou que tanto as propostas presentadas en Lugo como as de Vigo están relacionadas con sectores de referencia para Galicia e nos que se presta especial atención á Industria 4.0, como o téxtil, a alimentación, a pesca, a cultura, o sector aeroespacial ou as TIC.

Argerey agradeceu durante o acto, celebrado no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, a colaboración da Fundación CEL e do Consorcio da Zona Franca de Vigo, así como a profesionalidade do equipo de titores que guiou aos participantes nesta cuarta edición. Este traballo conxunto permite consolidar Vía Galicia como un programa de aceleración estratéxico no impulso do emprendemento tecnolóxico e innovador, en consonancia coa Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) e coa Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0.

Neste sentido, a directora de Gain lembrou que Vía Galicia suma xa 80 proxectos participantes nas tres primeiras edicións, o que permitiu a posta en marcha de 35 empresas e a xeración de máis de 100 postos de traballo.

Categoría: