Lorenzana destaca as posibilidades que ofrece o rural para o desenvolvemento dunha industria verde e sustentable

venres, 10 Maio, 2024 - 20:00
  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, clausurou esta tarde as xornadas O Encontro de Sober. Diálogos rural-industria
  • Subliña que industria e medio rural son perfectamente compatibles e, máis que nunca, complementarios, porque a industria que se basea en fontes renovables ten que asentarse alí onde está a materia prima
  • Salienta que a aposta da Xunta a través da Lei de recursos naturais e da sociedade RDG vai ser o de promover os beneficios asociados á implantación en Galicia de calquera proxecto industrial a través de fontes renovables

Sober (Lugo), 10 de maio de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe as posibilidades que ofrece o medio rural para o desenvolvemento dunha industria verde e sustentable, que aproveita de forma responsable os recursos naturais e contribúe a xerar emprego e fixar poboación.

Na clausura das xornadas O Encontro de Sober. Diálogos rural-industria, Lorenzana subliñou que industria e medio rural son perfectamente compatibles e, máis que nunca, complementarios, porque a industria que se basea en fontes renovables ten que asentarse alí onde está a materia prima.

A conselleira de Economía e Industria salientou que esa vai ser a aposta da Xunta, a través da Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia: facer un mellor aproveitamento dos recursos naturais buscando beneficios asociados á implantación na Comunidade de calquera proxecto industrial a través de fontes renovables. 

Segundo dixo, trátase de incentivar que, deses proxectos se deriven postos de traballo, se fomente a industria local, e un prezo eléctrico competitivo para as empresas e accesible para os fogares. E, para iso, o labor da sociedade Recursos de Galicia (RDG) vai se fundamental, engadiu.

Desta sociedade, ademais da Xunta (32%), forman parte unha trintena de empresas que sosteñen más de 21.000 empregos directos e achegan anualmente ao PIB autonómico máis de 10.500 M€ (14% do total). A súa función, segundo explicou, é apoiar proxectos centrados, fundamentalmente, na produción de enerxía renovable, a explotación de dereitos e concesións mineiras e aqueles que requiren a utilización de auga e outros recursos naturais.

Son proxectos, polo tanto, que van ter unha clara incidencia no medio rural. E, nese sentido, reiterou que, ao igual que se está a facer co de Altri en Palas de Rei, chegado o caso todos van ser sometidos a unha tramitación ambiental absolutamente garantista e só serán autorizados se cumpren con todos os parámetros medioambientais e legais que marca a normativa. 

Ao respecto, Lorenzana reiterou que a Xunta vai poñer todos os medios ao seu alcance para que Galicia non perda o tren da reindustrialización; entre eles, a Oficina Económica do Igape e o Plan de aceleración de proxectos industriais para garantir acompañamento personalizado ás empresas e a máxima axilidade administrativa nos trámites. Pero, concluíu remarcando que isto nunca vai supoñer reducir garantías medioambientais nin seguridade xurídica.

Categoría: