Cento cincuenta inversores e Business Angels buscan novos negocios entre as startups da terceira edición de ViaGalicia

mércores, 9 Novembro, 2016 - 22:30
  • Máis de duascentas persoas reuníronse en Porto do Molle (Nigrán) para analizar as posibilidades de negocio que se presentan entre as startups da terceira edición de ViaGalicia
  • A fórmula do "investors day" é unha gran oportunidade para que as novas empresas dean a coñecer a súa realidade e os seus mercados e traten de atraer inversións privadas
  • Realizáronse sesións en aberto e encontros privados para que os inversores coñecesen máis polo miúdo a situación actual das recen creadas empresas

 

Entre fondos de inversión, bussines angels, consultores, directivos de banca e representantes de outras aceleradoras, máis de duascentas persoas reuníronse hoxe en Porto do Molle (Nigrán) para analizar as posibilidades de negocio que se presentan entre as startups da terceira edición de ViaGalicia. Na apertura da xornada, Teresa Pedrosa destacou que esta cita anual xa se consolidou como o mellor escaparate para mostrar as oportunidades de investir en negocios de futuro e para presentar aos mercados o potencial empresarial que nace en Galicia. En representación da Xunta, copromotora co Consorcio da Zona Franca desta aceleradora, tamén asistiu o director de XesGalicia, Juan Cividanes, e responsables Unirisco, Gain e Igape.

Un dispositivo de navegación dirixido á aeronáutica recreativa, unha plataforma para contratar a chefs a domicilio ou unha plataforma de venda directa de produtos agrícolas vestíronse coas súas mellores frases para impactar e conseguir atraer ese capital que necesitan para seguir crecendo. Durante todo o día, os responsables das novas empresas presentaron de forma áxil e moi breve en que consiste o seu produto, a que mercados se dirixen e cales son os seus plans de expansión. Por iso unha industria de implantes específicos para veterinaria, unha plataforma para aforrar enerxía na casa ou unha ferramenta online para preparar oposicións demostraron co seu "pitch" as súas posibilidades de entrar en mercados que non están suficientemente abastecidos. A atracción desta xornada quedou patente coa asistencia de representantes de empresas maduras da comarca interesadas en coñecer que está a nacer ao amparo deste programa como as que se dedican a captar o sentimento do mercado a partires da interpretación de datos de social media, a facilitar un comparador online de perfumería ou a dar un servizo on line para ordenar coleccións de fotografía e recuperar as historias que a xente sabe sobre elas.

Ademais das sesións en aberto, e para que os inversores coñecesen máis en profundidade a situación actual das recen creadas empresas, tamén se desenvolveron encontros privados nos que se pediron máis datos sobre os plans de empresa. Os equipos directivos de responsables de ser os fabricantes dun innovador vehículo de tres rodas 100 por cen eléctrico ou dunha plataforma para aforrar enerxía na casa ou dunha empresa de servizos domésticos ou a produción e comercialización de produtos innovadores, sostibles e socialmente responsables a través da reutilización de residuos e desperdicios, xustificaron con cifras ante os investidores a viabilidade dos seus proxectos.

A fórmula do "investors day" é unha gran oportunidade para que as novas empresas dean a coñecer a súa realidade e os seus mercados e traten de atraer inversións privadas para conseguir, en definitiva, impulsar novas actividades económicas no noso territorio. Os cluster que tamén colaboran coa aceleradora Aimen, Ceaga, Ineo tamén avalaron que estas empresas xa presentan una traxectoria positiva e dispoñen dun gran potencial de crecemento.

Promovido conxuntamente polo Consorcio da Zona Franca de Vigo e a Xunta de Galicia, ViaGalicia é un programa de alto rendemento cuxo obxectivo é a aceleración de proxectos innovadores escalables e investibles, aos que se acompaña na súa validación e posta en marcha baixo a supervisión dun equipo de expertos en metodoloxía Lean Startup, ofrecendo servizos de formación, tutorización, mentoring, espazo de traballo e aportacións de capital.

Cada un dos quince finalistas da terceira edición xa recibiron unha contribución financeira de ata 125.000 euros, dos que 75.000 foron aportados pola Xunta a través da Axencia Galega de Innovación e XesGalicia e os outros 50.000 polo Consorcio a través da sociedade de capital-risco Vigo Activo. Ademais destas cantidades, realizadas baixo as modalidades de subvención a fondo perdido e de préstamos participativos, os finalistas recibiron servizos persoalizados de mentoring e desenvolvemento do seu traballo no coworking do centro de negocios do parque empresarial de Porto do Molle.

En cifras totais, ViaGalicia ten un orzamento de inversión anual estimado en 2.420.000 euros e, trala celebración da cuarta edición que xa se atopa na fase de pre-aceleración, dende 2013 teranse apoiado 53 empresas con formación a medida e 4.890.000 euros de aporte de capital.

 

Categoría: