Conde asegura que os espazos coworking e a rede de aceleradoras reforzan o ecosistema de apoio aos emprendedores

venres, 28 Abril, 2017 - 13:30
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asiste ao I Foro Investimento Proxectos Coworking Igape_EOI celebrado na Cidade da Cultura
  • Un total de sete proxectos xurdidos dos espazos coworking teñen a oportunidade de presentar as súas ideas de negocio ante inversores co obxectivo de captar financiamento
  • A primeira edición desta iniciativa pecha cun total de 139 participantes e 119 proxectos de carácter innovador

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asegurou - durante o I Foro Investimento Proxectos Coworking Igape_EOI que se celebrou esta mañá na Cidade da Cultura- que os espazos coworking e a rede de aceleradoras reforzan o ecosistema de apoio da Xunta para impulsar os proxectos dos emprendedores.

Neste sentido, asegurou que o foro celebrado hoxe pretende acompañar os proxectos desenvolvidos nos espazos coworking dando un paso máis: desde o plan de negocio desenvolvido ata a captación de investimento por parte dos inversores presentes “para poñer en marcha os seus proxectos e levalos a mercado”.

Os asistentes ao foro tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man as experiencias en captación de financiamento dos emprendedores das iniciativas Monet -unha plataforma web para controlar o estado dos viñedos, apoiada por Vía Vigo- e Eccocar -unha plataforma de alugamento por horas de vehículos entre particulares, apoiados por Business Factory Auto-.

Mentres que un total de sete participantes nos espazos coworking presentaron aos inversores as súas ideas de negocio co fin de captar apoios para facelas realidade. En concreto, participaron as iniciativas de Ferrol Stardrones, servizos tecnolóxicos por radiocontrol con drons; de Mondoñedo Sociedad Cooperativa Galega Terras da Mariña, de envasado e comercialización da IXP Faba de Lourenzá; e Alazia Couture, deseño, fabricación e comercialización de pezas de moda con tecido ecolóxico; de Santiago Work on Sunday, axencia especializada en xestión cultural; e Galiwonders, axencia de turismo online; e de Monforte de Lemos Casa da Fonte, de venda de produtos agropecuarios ecolóxicos; e Vitaser, servizos integrais de asistencia diurna para dependentes.

Espazos Coworking

Tal e como sinalou o conselleiro, o balance desta primeria edición dos espazos coworking, celebrados coa colaboración da Escuela de Organización Industrial (EOI) para a aceleración de proxectos emprendedores é positivo, xa que permitiu que un total de 139 emprendedores e emprendedoras puideran recibir asesoramento personalizado, titorías, formación e acceso aos medios necesarios para desenvolver a súa idea de negocio. En total, xurdiron 119 proxectos nos sete espazos da comunidade. A Consellería de Economía, Emprego e Industria ten previsto realizar un total de catro edicións ata 2018.

Conde lembrou que estes espazos compleméntanse cunha Rede de Aceleradoras nas que a Xunta investiu 12 millóns de euros para impulsar máis de 500 proxectos nos últimos 4 anos. É o caso de Agrobiotech en Lugo e Ourense; Vía Vigo en colaboración con Zona Franca, como parte de VíaGalicia; Business Factory Auto en Vigo; Galicia Open Future con Telefónica e Connecting for good Galicia, xunto con Vodafone, en Santiago; e as 6 novas centradas en proxectos I+D+i apoiados desde o eido privado.

O titular de Economía apuntou, así mesmo, que a Xunta dispón doutras ferramentas para favorecer o emprendemento e crear novas oportunidades como son o Plan de captación de novos investimentos, co impulso da Oficina Doing Business ou a Lei de Implantación Empresarial e os apoios á internacionalización.

Para poñer as bases para facer realidade un proxecto, o Goberno galego tamén ofrece deducións fiscais e instrumentos para apoiar investimentos empresariais, a Unidade Galicia Emprende que ofrece información sobre os recursos dispoñibles para o emprendemento e a eliminación da licenza previa para abrir un negocio.

Categoría: