Vodafone e Xunta lanzan a segunda convocatoria do programa ‘Connecting for Good Galicia’, que outorga 35.000 euros na primeira edición

martes, 30 Maio, 2017 - 16:30
  • A Xunta concedeu unha axuda de 25.000 euros a Robobo como “Mellor Proxecto” e a Fundación Vodafone outorgou o Premio “Conectados pola Accesibilidade” dotado con 10.000 euros, a Insulclock
  • As seis iniciativas emprendedoras participantes da primeira edición promoven o desenvolvemento de solucións innovadoras con tecnoloxías accesibles en diferentes ámbitos e presentaron os seus resultados esta mañá
  • Hoxe ábrese a segunda convocatoria do programa, á que se poderán presentar proxectos de innovación social dixital ata o 2 de xullo

O programa Vodafone Connecting for Good Galicia concedeu hoxe 35.000 euros aos dous mellores proxectos tecnolóxicos da súa convocatoria 2016. Estes recoñecementos foron outorgados no acto de clausura da primeira edición do programa, que tivo lugar esta mañá na Cidade da Cultura, presidido polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta, Francisco Conde, e que contou coa presenza do director de Administracións Públicas de Vodafone, Diego Torrico, e do director xeral da Fundación Vodafone España, Santiago Moreno.

Connecting for Good Galicia é un programa impulsado por Vodafone e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega) e a Consellería de Economía, Emprego e Industria, coa colaboración da Fundación Vodafone España. O seu obxectivo é desenvolver iniciativas emprendedoras de innovación social dixital en calquera dos ámbitos recollidos na Axenda Dixital de Galicia 2020, valorando especialmente o enfoque inclusivo cara aos colectivos de persoas con discapacidade e persoas maiores. Precisamente, Francisco Conde destacou que os proxectos presentados nesta primeira edición mostran que os avances tecnolóxicos tamén están ao servicio das persoas para dar resposta os grandes retos sociais: “Desde a Xunta queremos facilitar que esas ideas que teñen os nosos emprendedores se poñan ao servizo e necesidades das persoas e facer unha sociedade dixital que ten que ser inclusiva para que permita que as persoas dependentes e maiores teñan unha maior calidade de vida”, asegurou o conselleiro.

Premiados primeira edición

Os seis proxectos participantes da primeira edición, foron Insulclock, Robobo, KeeperTech, Phottic, PsicoVR e Xesmar. Destes seis proxectos, a Xunta de Galicia, a través de Axencia Galega de Innovación (GAIN), concedeu unha axuda de 25.000 euros á mellor iniciativa da convocatoria polo seu carácter innovador, traballo en equipo, aproximación ao mercado e aproveitamento do programa na súa execución e posta en marcha. O proxecto elixido foi Robobo.

Ademais, Fundación Vodafone España outorgou o Premio Conectados pola Accesibilidade valorado en 10.000 euros, ao proxecto Insulclock por ser o que mellor incorporou os Principios de Accesibilidade Universal.

Todos os proxectos participantes recibiron un diploma acreditativo e un patrocinio de 2.000 euros cada un tras completar o programa de formación e mentoring, ao que a Amtega contribúe con 30.000 euros en cada convocatoria, e que se impartiu no espazo Vodafone Connecting for Good, situado no Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura.

Para o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta, Francisco Conde López, esta iniciativa supón amosar como nas novas tecnoloxías están as ferramentas para promover unha educación máis dixital, que a sanidade poida dispor de mellores sistemas de tratamento, integrar as persoas maiores e colectivos profesionais no uso das TIC ou mellorar a calidade de vida das persoas dependentes e de quen coida delas. “Os obxectivos que persegue este programa son unha suma de emprendemento e innovación”, destacou Conde quen subliñou que Connecting for Good Galicia vén completar un mapa cunha ducia de aceleradoras que están en marcha na comunidade como Vía Galicia, Agrobiotech ou Business Factory Auto, entre outras.

Vodafone Connecting for Good Galicia é a aposta de Vodafone, en colaboración coa súa Fundación, para o desenvolvemento de tecnoloxías accesibles para o benestar social, e tamén un impulso aos proxectos emprendedores en Galicia. “É importante seguir apoiando este tipo de iniciativas, sobre todo se teñen como obxectivo mellorar a calidade de vida de persoas maiores e persoas con algún tipo de discapacidade”, explicou Diego Torrico, director de Administracións Públicas de Vodafone España.

Apertura da II Convocatoria

No acto celebrado esta mañá anunciouse a apertura da II Edición do Programa, ao que se poden presentar candidaturas desde hoxe ata o 2 xullo a través da web da Fundación Vodafone: http://www.fundacionvodafone.es/premios/premios-connecting-good-galicia

Os seis proxectos seleccionados poderán beneficiarse dun plan de formación de polo menos seis meses, durante os cales se impartirán sesións sobre modelo e plan de negocio e contarán con asesoría experta en temas de comunicación, vendas, negocio, e accesibilidade para o desenvolvemento dun plan personalizado para cada proxecto. Ademais, disporán dun lugar de traballo no espazo Vodafone Connecting for Good situado na Cidade da Cultura.

Cada un dos proxectos seleccionados conta cun patrocinio de 2.000 euros, outorgado por GAIN, e os seis proxectos poderán optar á concesión dunha axuda extra de 25.000 euros de GAIN e a un préstamo participativo ata un máximo de 25.000 euros, a través de XesGalicia. Ademais, Vodafone outorgará o Premio Conectados pola Accesibilidade, cunha dotación de 10.000 euros ao proxecto que mellor incorpore os principios de accesibilidade universal.

Connecting for Good Galicia
Categoría: