- O director de Xesgalicia, Fernando Guldrís, asistiu hoxe en Santiago á presentación da nova convocatoria da Business Factory Food, promovida pola Xunta e coordinada polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga)
- O obxectivo é seguir impulsando proxectos innovadores para dar resposta aos retos da industria agroalimentaria, contando co apoio de grandes empresas tractoras
- O prazo de presentación de iniciativas, que disporán de apoio económico da Consellería de Economía, Emprego e Industria, estará aberto ata o 30 de novembro
O director de Xesgalicia, Fernando Guldrís, destacou hoxe en Santiago durante a presentación da segunda edición da Business Factory Food (BFFood) que esta aceleradora vertical segue a dar resposta aos retos da industria agroalimentaria e a impulsar melloras na competitividade e na presenza exterior do sector mediante o soporte a proxectos innovadores.
Nesta convocatoria da BFFood, primeira aceleradora galega da alimentación promovida pola Xunta a través do Igape, a Axencia Galega de Innovación (Gain) e XesGalicia, e coordinada polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), impulsaranse dez iniciativas mediante un programa de desenvolvemento e lanzamento que dura ata nove meses na fase de aceleración. O prazo de presentación de propostas remata o 30 de novembro.
Como lembraron no acto desta mañá o director de Xesgalicia e os representantes do Igape e Gain, os proxectos seleccionados disporán de apoio económico da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que facilitará a cada un financiamiento de 25.000 euros a través dunha axuda de Gain, e o acceso a un préstamo participativo de ata 50.000 euros, coa posibilidade de capitalización, a través de Xesgalicia. Pola súa banda, os representantes de Clusaga resaltaron que as seis iniciativas impulsadas nesa fase xa están sendo aceleradas e titorizadas.
A convocatoria presentada conta co apoio de empresas tractoras do sector como Bodegas Martín Códax, Cafés Candelas, Calvo, CAPSA FOOD, Clavo Food Factory, CLUN Cooperativas Lácteas Unidas, Congalsa, Dairylac, Gadis, Kiwi Atlántico, Quescrem, Nueva Pescanova, Torre de Núñez e Viña Costeira.
A BFFood, xunto co resto de aceleradoras verticais coas que Galicia conta nos sectores como a automoción (BFAuto), a aeronáutica (BFAero), a biotecnoloxía (BioIncubaTech) ou Agrobiotech (centrada no agroalimentario, a biotecnoloxía e a biomasa), intégrase na plataforma StartIN Galicia.