Celtarys Research pecha unha primeira rolda de investimento de 650.000 euros

xoves, 23 Setembro, 2021 - 14:00

A start up Celtarys Research, que naceu na Universidade de Santiago de Compostela e dedícase ao desenvolvemento de ferramentas fluorescentes para o descubrimento de fármacos, pechou unha rolda de investimento de capital semente de 650.000 euros. Na rolda participaron os fondos institucionais galegos da Xunta de Galicia – a través de XesGalicia - e VigoActivo, así como business angels privados nacionais e internacionais entre os que están algúns dos fundadores da compañía. 

Esta rolda semente servirá para impulsar a chegada ao mercado da tecnoloxía propiedade da empresa, que conta xa con varios produtos en fase de comercialización.

Celtarys Research foi creada leste mesmo ano 2021 e baséase na investigación do grupo liderado polo Dr. Eddy Sotelo, investigador do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS). Comezou a súa andaina dentro do programa Ignicia da Xunta de Galicia – a través da Axencia Galega de Innovación – e da Fundación Barrié para validar a tecnoloxía e transformala nunha empresa de base tecnolóxica. 

A empresa enmárcase no sector de descubrimento de fármacos e posiciónase como a única compañía dedicada en exclusiva a desenvolver sondas fluorescentes para substituír a radioactividade. “A radioactividade foi o  gold  standard para identificar e caracterizar novos candidatos a fármacos, a pesar de que este tipo de ensaios presenta moitos inconvenientes -de seguridade, custo, subministración…-. A tecnoloxía de Celtarys Research permite superar estas barreiras, implementar novos métodos de cribado e acelerar o proceso de descubrimento de fármacos” destaca  Eddy Sotelo, o principal promotor da empresa.

“En  XesGalicia apoiamos iniciativas que xeran innovación e impacto social, premisas que atopamos plenamente en  Celtarys Research. Ademais, valoramos como un factor positivo a transferencia de coñecemento que supuxo este proxecto, que trasladou a investigación desde a esfera universitaria á empresarial, sempre co obxectivo de mellorar a vida das persoas. Participando en proxectos como este queremos contribuír ao ecosistema innovador de biotecnoloxía que existe en Galicia e que destaca pola súa capacidade competitiva en investigación. Un feito diferencial que sitúa á nosa comunidade nunha posición de liderado a nivel mundial en disciplinas do coñecemento científico como é o desenvolvemento temperán de fármacos” sinalou Rubén Aguión, Director Xeral de XesGalicia.

O presidente do consello de administración de Vigo Activo, e delegado da Zona Franca, David Regades, destacou o compromiso co talento e o sector biotecnolóxico galego. “As administracións públicas temos un papel fundamental no impulso do talento e no traspaso de coñecemento do ámbito universitario á sociedade, máis se cabe aínda, nun momento como o actual de especial sensibilidade no descubrimento e desenvolvemento de fármacos”.

“Queremos agradecer a todos os nosos investidores a gran aposta que fan por Celtarys Research, que servirá para conseguir a validación comercial da nosa innovadora tecnoloxía de conxugación química, potenciando o equipo comercial e apoiando o desenvolvemento de novos produtos” sinalou Sonia Martínez Arca, CEO da compañía.

 

Celtarys Research
Categoría: