A start- up biotecnolóxica galega Origo Biopharma foi adquirida polo grupo biotecnolóxico belga Agomab Therapeutics

mércores, 15 Decembro, 2021 - 09:45
  • A integración constitúe un caso de éxito que evidencia a crecente madurez do sector  biotec galego, reforzando o conxunto do ecosistema emprendedor, así como as políticas de apoio públicas desenvolvidas desde a Xunta de Galicia. 
  • A empresa galega  Origo  Biopharma, que xa desenvolveu un candidato clínico en fase I para tratar a enfermidade de  Crohn e un candidato  preclínico para o tratamento da fibrose pulmonar  idiopática, acelerará os seus proxectos de investigación e desenvolvemento desde as súas actuais instalacións en Galicia

Origo Biopharma, con sede no Parque Empresarial de Touro (Galicia), é unha biotec fundada en 2017 por Julio Castro e  GalChimia, dirixida por  Ramon  Bosser, CEO e accionista da compañía. A compañía conta co respaldo financeiro da Xunta de Galicia (a través de XesGalicia) e de Asabys Partners, quen liderou unha rolda semente na compañía en xuño de 2020 que permitiu á compañía incorporar talento, incrementar a súa carteira de produtos e avanzar nos seus desenvolvementos ata fases clínicas. En concreto, Origo Biopharma desenvolve moléculas pequenas órgano-restritivas que inhiben a vía de sinalización do factor de crecemento transformante beta (TGF- β) para o tratamento de enfermidades fibróticas.

Agomab Therapeutics  NV ('Agomab') completou a adquisición de Origo Biopharma. A entidade combinada mobilizará a súa extensa experiencia na bioloxía de factores de crecemento para liderar o desenvolvemento de tratamentos novos que teñen como obxectivo resolver a fibrose, reparar a estrutura do tecido e restaurar a función dos órganos. Os anticorpos monoclonales agonistas dirixidos ao factor de crecemento de hepatocitos (HGF) de Agomab, xunto cos programas de molécula pequena de Origo Biopharma, forman unha carteira clínica cunha ampla gama de candidatos que abordan a fibrose e a insuficiencia orgánica en múltiples áreas terapéuticas. 

Esta operación supón un caso de éxito para o ecosistema biotec galego, o cal xa posicionou a Galicia como a segunda rexión máis bioemprendedora a nivel nacional, todo iso grazas á fonte de coñecemento e emprendemento que supoñen as universidades e os centros tecnolóxicos galegos, así como ao forte impulso logrado mediante a colaboración entre a Xunta de Galicia e o tecido empresarial.

Neste sentido, a operación de compravenda constitúe un fito que reforza a Estratexia de Consolidación do sector Biotecnolóxico de Galicia para o período 2021-2025, estratexia mediante a cal Galicia pretende situarse estratexicamente en posicións de liderado como unha das áreas con maior proxección económica, científico-tecnolóxica e social durante a próxima década. Ademais dos beneficios derivados da atracción de capital e talento internacional ao proxecto, as sinerxias entre Agomab e Origo Biopharma na investigación para o tratamento de enfermidades relacionadas coa fibrose permitirán acelerar os seus actuais proxectos de investigación e desenvolvemento, todo iso desde as instalacións de  Origo Biopharma en Touro, impulsando así o posicionamento do sector a nivel nacional e internacional.

 

Categoría: