A Xunta destaca o labor de Xesgalicia no seu XXV Aniversario como canle de financiamento público para impulsar a creación e a consolidación das empresas galegas

Tuesday, December 17, 2024 - 19:15

Na actualidade Xesgalicia contabiliza un volume de investimento de 462 millóns de euros en 520 operacións aprobadas de 330 empresas 

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2024 A Xunta destacou hoxe o labor que desempeña Xesgalicia como canle de financiamento público para impulsar a creación e a consolidación das empresas galegas. Esta tarde tivo lugar o acto de celebración do XXV Aniversario de Xesgalicia, unha sociedade que na actualidade contabiliza un volume de investimento de 462 millóns de euros en 520 operacións aprobadas (entre participacións en capital e préstamos participativos) de 330 empresas. Neste sentido, a sociedade leva 25 anos sendo un apoio fundamental para o fortalecemento do tecido empresarial galego e un brazo investidor para dar soporte e impulso ás empresas nos seus plans de negocio como é o caso de CZ Veterinaria, Innolact, Origo Biofarma, Galega de Economía Social (Cogami), a Agrupación de Cooperativas Lácteas ou a Adega Condes de Albarei, entre outras. Xesgalicia seguirá traballando nesta liña para ver nacer novas iniciativas e medrar as xa asentadas en Galicia. Así, para 2025, contará con saldos para investimentos por importe de 140 millóns de euros, dos que se prevén utilizar 22 millóns; e ademais os apoios do Igape ás empresas en materia de financiamento pasarán de 104 millóns de euros no 2024 a 152 millóns, o orzamento máis alto dos últimos cinco anos.

Category: