A Xunta mobiliza 3,6 millóns de euros no proxecto de Lasurgal que contribúe ao impulso e posta en valor da industria láctea galega

Wednesday, September 2, 2015 - 18:00
  • XesGalicia e a cooperativa ICOS asinan un acordo para participar no capital da empresa Lasurgal co obxectivo de desenvolver un proxecto industrial que dote aos gandeiros dun maior peso na cadea de valor
  • O proxecto permitiralle á empresa multiplicar por catro a produción de leite e aumentar nun 35% a obtención de soro líquido ata o 2020
  • Conde resaltou que “calquera proxecto que poida haber en Galicia para consolidar o sector industrial lácteo para a transformación do leite terá o acompañamento da Xunta”
  • Rosa Quintana destacou que o Goberno galego leva moito tempo traballando a prol do sector lácteo e agora, con iniciativas como esta, “vense os froitos dese traballo”

Santiago, 2 de setembro de 2015.- A Xunta de Galicia, no seu apoio ao sector lácteo galego, está a mobilizar 3,6 millóns de euros no proxecto de Lasurgal que contribúe ao impulso e posta en valor da industria láctea de Galicia. Deste xeito, o Goberno galego amosa o seu compromiso con todos aqueles proxectos viables que melloren a produción e lle dean valor engadido ao leite. Así o destacaron esta mañá en Melide os conselleiros de Economía e Industria, Francisco Conde, e a de Medio Rural e Mar, Rosa Quintana, no transcurso da visita á empresa Lasurgal.

Co obxecto de desenvolver un proxecto industrial que permita dotar aos gandeiros dun maior peso na cadea de valor, a Xunta, a través de XesGalicia, e a Cooperativa ICOS veñen de asinar un acordo de participación no capital da empresa Lasurgal. Esta iniciativa contempla a mobilización de 3,6 millóns de euros de investimento dos cales XesGalicia achegará 1,9 millóns, a cooperativa ICOS aportará un millón e cantidade restante corresponderá a financiamento bancario.

Entre os obxectivos do proxecto está diversificar as posibilidades de negocio ligadas á produción de leite, darlle maior valor engadido e posibilitar novos procesos industriais ligados á transformación do produto. Esta actuación, explicaron os conselleiros, encádrase dentro das medidas que está a adoptar a Xunta para mellorar a competitividade das explotacións, a súa capacidade financeira e de liquidez e a estrutura comercial do sector.

Francisco Conde e Rosa Quintana felicitaron aos promotores desta iniciativa que reforzará e incrementará a produción de Lasurgal e terá unha repercusión positiva no sector. Este proxecto permitiralle á empresa multiplicar por catro a produción de leite e aumentar nun 35% a obtención de soro líquido, pasando de producir 31 millóns de quilos de leite a 140 millóns en 2020, e de 55,5 millóns de kilos de soro líquido a 75 millóns nese mesmo prazo.

Conde destacou o importante papel que xogará Lasurgal no futuro do lácteo galego, e subliñou a capacidade da cooperativa ICOS, que produce o 3% de toda a leite de Galicia e suma 1.135 socios, para afrontar esta iniciativa como socio da Xunta. “As cooperativas están tendo a visión de que o futuro do sector pasa por ese esforzo de transformación do leite, xerando valor engadido a través dun proceso industrial”, sinalou Conde, que destacou que “calquera proxecto que poida haber en Galicia para consolidar o sector industrial lácteo para a transformación do leite terá o acompañamento da Xunta”.

Neste senso, a Xunta ten a disposición do sector unha liña específica de financiamento para a industria e os gandeiros galegos, que suma 40 millóns para investimentos industriais e acceso a circulante. No caso de Lasurgal, dixo o conselleiro, o apoio da Xunta servirá para contribuír a que “o lácteo entre nunha senda de estabilidade e certidume, garantindo a posición dos gandeiros, do sector industrial e os postos de traballo”.

Por outra banda, Rosa Quintana destacou que a Xunta leva moito tempo traballando a prol do sector lácteo e agora, con iniciativas como esta, “vense os froitos dese traballo”. Engadiu que mantén reunións constantes co sector para avanzar na posta en valor do produto e que “este é un proceso que se vai consolidando pouco a pouco”.

Advertiu tamén de que o sector se está a dar conta de que necesita consolidar este tipo de proxectos e unha vez máis salientou que “o importante é o traballo conxunto, de organización e planificación da produción”. Neste sentido, apostou porque o valor engadido do leite galego “quede en Galicia, e non vaia para fora”. "Un obxectivo para o que proxectos como este de Lasurgal teñen unha gran importancia", remarcou.

Rosa Quintana incidiu nos máis de 500 millóns de euros de investimento público previstos nos vindeiros anos para o lácteo e reafirmou así a aposta da Xunta polo sector. Indicou que os produtores “fixeron os deberes para ter explotacións eficaces e eficientes e agora a industria de transformación está tentando sentarse cos produtores para darlle un valor engadido ao noso produto”. Neste sentido, lembrou que “as administracións levamos moito tempo poñendo solucións enriba da mesa aos problemas puntuais que poden ter determinadas explotacións nestes intres, para que consigan superar esta crise”. "A partir de aí -profundizou- é preciso elaborar plans estratéxicos de futuro que permitan a consolidación destas explotacións e que non se vexan ano tras ano sometidas á banalización do produto e aos vaivéns a nivel internacional”.

Lasurgal

Esta empresa centra a súa actividade na transformación de soro derivado da produción de queixos en soro concentrado e nata pasteurizada. Tamén se dedica á compra-venda de leite e produtos lácteos. Unha parte importante do seu traballo está orientada ás queixerías, ás que abastece de leite e ás que lle recolle o soro lácteo obtido nos seus procesos industriais.

Icos

Icos é unha das principais cooperativas do sector lácteo galego. Situada na comarca lucense de Chantada, xestiona unha produción anual de 70 millóns de litros (o que representa o 3% da produción galega). No 2014 facturou un total de 50,7 millóns de euros, un 15% máis que no 2013. Agrupa a 1.135 socios e dá emprego a 113 persoas.

Category: