A Xunta destaca a importancia de Vía Galicia para facilitar os avances do emprendemento tecnolóxico e innovador en Lugo

Saturday, January 14, 2017 - 11:15
  • O director do Igape, Juan Cividanes, asistiu hoxe á clausura da Fase de Academia de Vía Galicia e salientou o apoio integral da Xunta, ao abeiro da Lei de Emprendemento, para favorecer e impulsar o deseño, a consolidación e a internacionalización de novos proxectos empresariais
  • Subliña a importancia do emprendemento tecnolóxico como panca para consolidar a recuperación económica, apoiado en Galicia mediante iniciativas como a Rede de Aceleradoras da que forma parte Vía Galicia
  • Os proxectos que participan na sede de Lugo, xunto cos seleccionados en Vigo, decántanse por actividades relacionadas coa fábrica intelixente e conectada en sectores como o téxtil, a alimentación e a pesca ou o ámbito aeroespacial

O director do Igape, Juan Cividanes, asistiu hoxe á clausura da Fase de Academia da vixente edición da aceleradora Vía Galicia que se desenvolveu en Pantón (Lugo) e salientou os servizos e instrumentos de apoio que mantén activos a Xunta de Galicia, ao abeiro da Lei de Emprendemento, a creación e a consolidación de novos proxectos empresariais en Galicia.

Cividanes destacou a importancia do emprendemento tecnolóxico e innovador, en consonancia coa Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, que está a impulsar a Consellería de Economía, Emprego e Industria, como panca para consolidar a recuperación económica. Este modelo de emprendemento é o que se apoia desde a aceleradora Vía Galicia, impulsada conxuntamente polo Consorcio Zona Franca e a Xunta.

A cuarta edición rematou agora a Fase de Academia coa preparación do Demo Day que se desenvolverá a semana próxima para seleccionar os proxectos que pasarán á fase de aceleración, e que contarán co apoio da Xunta, a través de Xesgalicia e de Gain, e de Zona Franca, a través de Vigo Activo. Os proxectos que participan na sede de Lugo, xunto cos seleccionados en Vigo, decántanse por actividades relacionadas coa fábrica intelixente e conectada en sectores como o téxtil, a alimentación e a pesca ou o ámbito aeroespacial.

Os proxectos participantes na Fase de Academia de Vía Galicia que agora remata aspiran a estar entre 15 proxectos finalistas, aos que se poden xuntar nesta ocasión tres iniciativas vinculadas ao ámbito aeroespacial, un sector estratéxico e en crecemento no que Lugo xoga un papel esencial a través do polo tecnolóxico e industrial de Rozas.

O director do Igape salientou a importancia da formación e o asesoramento achegado por expertos en emprendemento para que a posta en marcha de novas empresas se faga con mellores perspectivas de consolidación e crecemento futuro. A través da Unidade Galicia Emprende, a Xunta facilita formación e asesoramento á medida dos diferentes proxectos e orienta sobre as mellores alternativas de financiamento, sexa a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria ou facilitando o acceso aos mercados financeiros e aos investidores privados.

Os emprendedores galegos dispoñen actualmente de instrumentos como a Rede de Aceleradoras, da que forma parte Vía Galicia, para fomentar o emprendemento sobre o territorio e incrementar as posibilidades de éxito dos novos proxectos empresariais. Na provincia de Lugo estanse a desenvolver programas de aceleración de empresas como Agrobiotech, en relación coa RIS3, ou como os dous espazos coworking activados en Mondoñedo e Monforte, nos que preto de 40 emprendedores están a desenvolver 35 proxectos empresariais.

Category: