A Xunta impulsa novas actividades industriais mediante o programa Galicia Rural Emprende, dotado con 2,5 millóns de euros

Friday, March 10, 2017 - 13:00
  • O director do Igape, Juan Cividanes, participou na xornada técnica informativa sobre a primeira convocatoria deste programa, que considerou fundamental para apoiar a creación de emprego sobre o territorio, mediante actividades industriais de autónomos, microempresas e pequenas empresas
  • Os investidores poderán recibir un adianto do 60% da axuda concedida cando acrediten o inicio do plan empresarial de negocio apoiado, que se desenvolverá en 18 meses
  • A Consellería de Economía, Emprego e Industria prevé apoiar así a posta en marcha de máis de 60 empresas cunha axuda mínima que será de 20.000 euros e poderá acadar un máximo de 70.000 euros
  • Entre as actividades industriais prioritarias figuran as centradas en sectores como automoción, téxtil, aeronáutico, químico, medioambiental, TIC ou audiovisua
  • A presentación de solicitudes ao abeiro da primeira convocatoria do programa Galicia Rural Emprende está aberta ata o próximo 2 de maio

O director do Igape, Juan Cividanes, participou esta mañá nunha xornada técnica destinada a explicar polo miúdo as características do novo programa Galicia Rural Emprende, que considerou fundamental para apoiar a creación de emprego sobre o territorio, mediante actividades industriais promovidas por autónomos, microempresas e pequenas empresas.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria destina 2,5 millóns de euros a promover, a través do Igape, a diversificación produtiva mediante actividades non agrícolas de autónomos e emprendedores no medio rural, ao abeiro das bases do programa Galicia Rural Emprende. O prazo para a presentación de solicitudes da primeira convocatoria desta iniciativa está aberto ata o próximo 2 de maio.

Este novo programa regula a concesión de axudas á implantación de actividades non agrarias que sexan viables. Entre os beneficiarios do programa poden estar os autónomos en xeral, os agricultores ou membros da unidade familiar dunha explotación que diversifiquen as súas actividades en ámbitos non agrarios, ou as pequenas empresas de nova creación ou que inicien actividades non levadas a cabo antes.

Os investidores poderán recibir un adianto do 60% da axuda concedida, unha vez teñan acreditado o inicio do plan empresarial de negocio, que se desenvolverá en 18 meses. As axudas do programa Galicia Rural Emprende están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

A Consellería de Economía, Emprego e Industria prevé impulsar así o emprendemento e o emprego no medio rural galego, apoiando máis de 60 empresas cunha axuda mínima que será de 20.000 euros e poderá acadar un máximo de 70.000 euros. Entre as actividades industriais prioritarias figuran as de sectores como automoción, téxtil, aeronáutico, químico, medioambiental, TIC ou audiovisual, entre outros.

Ademais da dimensión do proxecto, entre os criterios para avaliar a intensidade do apoio final figuran a creación de emprego adicional ao dos socios do proxecto e a localización da actividade nalgún dos máis de 200 concellos catalogados como de montaña ou con limitacións naturais.

O programa Galicia Rural Emprende súmase ao amplo catálogo de servizos, ferramentas e instrumentos de apoio habilitados pola Xunta no marco da Lei de Emprendemento e que inclúe o Fondo Galicia Iniciativas Emprendedoras, o programa Galicia Emprende, a Rede Galega de Investidores particulares ou a Rede Galega de Mentores.

Category: