- A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, visitou esta mañá as empresas seleccionadas na cuarta edición da aceleradora
- Os 17 proxectos van desde sectores altamente tecnolóxicos como o aeroespacial e o TIC ata o deseño e o téxtil
- ViaGalicia, promovida polo Consorcio Zona Franca de Vigo e Xunta de Galicia, forma parte da Rede Galega de Aceleradoras de Innovación xunto a outras once máis, tanto sectoriais como transversais
A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey Vilar, realizou esta mañá unha visita ao Centro de Negocios do Consorcio Zona Franca de Vigo no parque empresarial de Porto do Molle (Nigrán) para coñecer de primeira man os 17 proxectos que foron seleccionados na cuarta edición da aceleradora de innovación ViaGalicia, promovida polo Consorcio e pola Xunta de Galicia.
Argerey destacou a importancia das aceleradoras de innovación como ViaGalicia para transformar as ideas innovadoras en empresas reais e reiterou o compromiso da Xunta no apoio a este tipo de iniciativas a través da Rede Galega de Aceleradoras, a través da que se desenvolveron 500 proxectos que supuxeron a mobilización de 14 millóns de euros.
A directora de GAIN felicitou aos emprendedores polo nivel dos seus proxectos, que segue sendo moi elevado a pesar de que vai xa pola cuarta edición, e instounos a aproveitar ao máximo o apoio que se lles ofrece, non só en forma de financiamento, senón tamén en servizos de consultaría e acompañamento.
Por último, Patricia Argerey agradeceu ao Consorcio Zona Franca de Vigo e demais entidades colaboradoras a implicación nesta iniciativa e anunciou que xa están a traballar na quinta edición da mesma.
Proxectos en fase de aceleración
Os 17 proxectos seleccionados nesta cuarta edición de ViaGalicia, de entre os 43 participantes na fase de academia, nas sedes de Lugo e Vigo, pertencen a sectores moi diversos. Atópanse proxectos de empresas científico-tecnolóxicas ou baseadas nas TIC como Affinimeter, que desenvolveu un software científico para a análise de datos de técnicas biofísicas empregadas na industria farmacéutica; Boardfy, solución para comparar prezos nas plataformas de e-commerce; 3DClick, plataforma na nube que permite crear, animar e compartir presentacións interactivas en 3D; Filament2Print, especializados na venta de materiais para impresión 3D; PetiteCandela, que achega unha nova ferramenta online de interiorismo; e MrBroc, con produtos de deseño a partir dos debuxos dos nenos.
Así mesmo, participan negocios diferentes dentro do sector téxtil, que incorporan innovación nos deseños, no concepto e experiencia de venda ou nos tecidos ecolóxicos empregados, como Thunderslove, Idawen e Alazia Couture, e emprendedores que ofrecen novos servizos para a sociedade do futuro como Atlanteat, plataforma de venda de produtos de orixe e kits preparados para amantes da boa cociña; Send2me, que busca resolver a problemática das entregas no comercio electrónico; Paus, que achega deseño e seguridade ás webcams; RoomDreams, un novo modelo para a compra, rehabilitación e explotación turística de inmobles nos cascos históricos; Help-Flash, unha solución para a mellora da seguridade en estrada; e Tolemias, plataforma dixital de produción e distribución de contidos musicais en directo.
Por último, como novidade na presente edición, participan dous proxectos específicos do sector aeroespacial: Aistech Space, que xerará información de valor captando datos a través dunha constelación de nanosatélites; e 3Edata Ingeniería Ambiental, empresa de base tecnolóxica que ofrece servizos de análise de información territorial obtida mediante avións pilotados de forma remota.
Estas empresas recibirán un financiamento total de 2.150.000 euros en préstamos participativos e apoios da Axencia Galega de Innovación, así como consultaría e acompañamento individualizado durante seis meses para potenciar o éxito das novas empresas.