A Xunta achega as axudas do programa Galicia Emprende aos autónomos e empresarios de Pontevedra

Saturday, June 17, 2017 - 16:30
  • O Igape informa polo miúdo sobre esta liña de apoios nunha xornada técnica que se desenvolverá o próximo luns na sede de APE Galicia
  • O prazo para a presentación de solicitudes ao abeiro da primeira convocatoria deste programa permanece aberto ata o próximo martes, día 20, e irá seguida doutras dúas convocatorias que se abrirán o 30 de xuño e o 10 de outubro
  • O Galicia Emprende regula a concesión de axudas de ata 175.000 euros para a posta en marcha ou consolidación de novas compañías impulsadas por autónomos e emprendedores, facilitando así a xeración de emprego

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, achegará información detallada sobre as axudas do programa Galicia Emprende aos autónomos e empresarios de Pontevedra durante a xornada técnica que se desenvolverá o próximo luns, día 19, a partir das 19:30 horas, na aula de formación de APE Galicia (Herreros, 2).

O próximo martes, día 20, remata o prazo para a presentación de solicitudes ao abeiro da primeira convocatoria do programa Galicia Emprende 2017, que irá seguida doutras dúas convocatorias previstas para este mesmo ano, a partir do 30 de xuño, a segunda, e desde o 10 de outubro, a terceira, co obxecto de facilitar a preparación e presentación dos proxectos a emprendedores e autónomos.

A través do Igape a Consellería de Economía, Emprego e Industria activou o programa Galicia Emprende cunha dotación de 5 millóns de euros para facilitar a creación e a consolidación de novas empresas por emprendedores, autónomos e pemes. As axudas, de ata 175.000 euros, permitirán apoiar 160 novos proxectos, mobilizando 14 millóns de euros en investimentos e facilitando a posta en marcha ou a consolidación de compañías de ata 42 meses en funcionamento.

Ao abeiro do Galicia Emprende apoiaranse proxectos con investimentos comprendidos entre os 25.000 e os 500.000 euros, con axudas cofinanciadas polo Feder que poden cubrir o 35% do investimento, no caso das pequenas empresas, e o 25%, para medianas compañías, outorgando sempre prioridade ás iniciativas de emprendemento industrial. A través deste programa concedéronse o ano pasado apoios a un total de 81 proxectos empresariais cuns investimentos por case 7 millóns de euros e a creación ou mantemento de 235 postos de traballo.

As axudas do programa Galicia Emprende compleméntase coas diferentes ferramentas de financiamento que integran o programa Galicia 1000, entre as que se inclúen liñas de préstamos e microcréditos con xuros bonificados, así como o capital risco de Xesgalicia. Entre os instrumentos para impulsar o emprendemento impulsados pola Xunta cómpre salientar tamén a Rede de Mentores, que facilita asesoramento de balde, ou a Rede de Aceleradoras de Galicia, que nos últimos catro anos facilitou o desenvolvemento de máis de 500 proxectos que supuxeron a mobilización de 14 millóns de euros.

Category: