Conde sinala o compromiso da Xunta coas pemes para que a economía galega siga evolucionando

Thursday, July 20, 2017 - 09:15
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, apunta en Santiago que as pequenas e medianas empresas teñen contribuído de forma decisiva á recuperación económica
  • Destaca a colaboración co Instituto de Crédito Oficial (ICO) para poñer en marcha de forma coordinada actuacións que permiten mellorar a competitividade do tecido empresarial, que afronta o gran reto de gañar tamaño
  • A iniciativa forma parte dun programa do Igape que cunha dotación de 2,6 millóns de euros permitirá mobilizar 55 millóns
  • O organismo estatal e o Igape colaboran un ano máis para facilitar ás empresas o acceso a liñas de crédito en condicións vantaxosas

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, apuntou hoxe nunha xornada técnica sobre instrumentos de financiamento na que tamén participou o presidente do Instituto de Crédito Oficial (ICO), Pablo Zalbaque, que as pequenas e medianas empresas teñen contribuído de forma decisiva á recuperación económica, polo que sinalou que a Xunta está fortemente comprometida coas pemes para que a economía galega siga evolucionando.

Conde remarcou que o ciclo de crecemento no que entrou a economía é un obxectivo de país e, por tanto, precisa da colaboración de todas as administracións, polo que agradeceu ao Goberno de España, a través do ICO, a súa dispoñibilidade para articular mecanismos que contribúen a mellorar a competitividade do tecido empresarial, que ten ante si o gran reto de gañar tamaño.

Para iso, Conde sinalou que é preciso poñer ao seu alcance liñas de financiamento para que poidan facer fronte a novos investimentos e acceder a circulante, o que supón “unha oportunidade para que poidamos consolidar a etapa de crecemento”. Neste sentido, a Xunta e o ICO veñen de formalizar un ano máis un convenio que permitirá que as empresas beneficiarias dalgunhas das liñas de financiamento do ICO ao mesmo tempo se poidan acoller ás axudas activadas polo Igape para facilitar o acceso ao crédito bancario. Para tal fin, o ICO remitirá a información de todas aquelas operacións susceptibles de acceder á bonificación do Igape, á que poderán acollerse autónomos, microempresas ou pequenas empresas.

A axuda da Xunta, que está aberta en xeral tanto para préstamos con fondos do ICO ou das entidades financeiras, e á que se destinan 2,6 millóns de euros para mobilizar 55 millóns, consistirá na bonificación do tipo de interese das operacións de préstamo ou na compensación do custo da comisión do aval financeiro prestado por unha sociedade de garantía recíproca (SGR). O prazo para presentar as solicitudes está aberto ata o 31 de outubro deste ano, e cubre operacións formalizadas desde o pasado 1 de xaneiro.

Esta iniciativa forma parte do programa Galicia 1000, co que este ano se prevé chegar a 3.000 pemes galegas, dando resposta ás necesidades financeiras dos autónomos, dos emprendedores e das pemes galegas, coa intención de que ningún proxecto viable quede sen realizar por falta de financiamento. Búscase así fixar tecido empresarial en Galicia e crear emprego, así como mellorar a competitividade do tecido empresarial apoiando a implantación de novas tecnoloxías, a innovación 4.0 ou o comercio exterior.

Na súa intervención, Francisco Conde fixo tamén referencia á futura Lei de implantación empresarial na que está traballando o Goberno galego, que, tal e como sinalou, contribuirá desde o punto de vista normativo a suprimir barreiras burocráticas e fiscais para facilitar o traballo e o asentamento de novas empresas na Comunidade.

Category: