Seleccionados os 40 proxectos que pasan á fase de academia da aceleradora de innovación Viagalicia

Friday, December 22, 2017 - 12:30
  • Dos 202 proxectos que se presentaron a esta quinta edición desta iniciativa, 40 pasan á fase de pre-aceleración: 20 na sede de Lugo e outros 20 na de Vigo
  • A Xunta participa nesta actuación, que promove o Consorcio Zona Franca de Vigo, dentro da súa estratexia de impulso ao emprendemento innovador, a través da Rede Galega de Aceleradoras, que ten apoiado máis de 500 proxectos nos últimos catro anos
  • Na seguinte fase elixiranse aos finalistas que participarán no proceso de aceleración e que recibirán o apoio financeiro
  • Este programa, considerado como un referente a nivel estatal entre as aceleradoras de iniciativa pública, recibiu nas súas cinco edicións 900 ideas de negocio, impulsando máis de 120 proxectos dos que 52 se transformaron en empresas 

Trala celebración os pasados 12 e 14 de decembro do StartupDay, unha xornada na que os emprendedores amosaron as súas habilidades individuais e grupais a través dunha serie de actividades e dinámicas de grupo, e a reunión do comité técnico da aceleradora o pasado martes 19 de decembro, hoxe déronse a coñecer os 40 proxectos seleccionados para pasar á fase de academia ou pre-aceleración da aceleradora de innovación, ViaGalicia.

Durante os vindeiros meses, os impulsores dos proxectos seleccionados recibirán formación e titorización para sacar adiante as súas ideas de negocio. A metodoloxía empregada para validar a proposta de valor e o modelo de negocio dos diferentes proxectos é Lean Startup, un enfoque eminentemente práctico baseado na experimentación. Tras esta fase, celebrarase un Demoday en cada unha das sedes, que permitirá avaliar cales serán os finalistas que participarán no proceso de aceleración e que recibirán apoio financeiro.

ViaGalicia, promovida polo Consorcio Zona Franca de Vigo e a Xunta, está considerada como un referente a nivel estatal entre as aceleradoras de iniciativa pública. Nas súas cinco edicións, recibiu preto de 900 ideas de negocio, impulsou máis de 120 proxectos, dos que 52 se transformaron en empresas xerando máis dun cento de novos empregos.

Este programa forma parte da Rede Galega de Aceleradoras impulsada pola Xunta a través da que se teñen apoiado nos últimos catro anos máis de 500 proxectos.

Os proxectos de emprendemento innovador pertencen a diversos sectores produtivos, destacando: o sector TIC, o agroalimentario, o turismo e ocio ou o aeroespacial, entre outros.

Máis información sobre os proxectos seleccionados en Xunta.gal