A Xunta e Clusaga consolidan o seu compromiso co emprendemento a través de tres novas convocatorias da Business Factory Food ata 2024

Thursday, February 3, 2022 - 16:00
  • O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, destaca na Cidade da Cultura, durante o demoday da terceira edición desta aceleradora, a súa contribución á transformación sustentable e tecnolóxica do sector alimentario
  • O prazo de presentación de novos proxectos para a cuarta convocatoria permanecerá aberto ata o vindeiro 30 de abril
  • Sinala que o mesmo espírito construtivo que guía esta iniciativa permitiu poñer en marcha a oficina técnica que impulsa a candidatura galega ao perte agroalimentario

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, sinalou hoxe na Cidade da Cultura, durante a clausura do demoday da III edición da aceleradora do sector alimentario Business Factory Food (BFFood), que esta iniciativa pon de manifesto o valor da colaboración público-privada, permitindo impulsar proxectos que contribúen á transformación sustentable e tecnolóxica da industria galega.

Conde informou de que a Xunta de Galicia e o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) consolidan o seu compromiso co emprendemento a través de tres novas edicións da BFFood ata 2024. De feito, ata o vindeiro 30 de abril está aberto o prazo para participar na cuarta convocatoria, que se celebrará este ano cun investimento de 2,3 millóns de euros para axudar a acelerar e consolidar 12 proxectos.

O vicepresidente económico lembrou que cando se decidiu poñer en marcha a aceleradora buscábase promover proxectos empresariais innovadores que desen resposta aos retos da industria alimentaria, apoiándoos para que chegasen ao mercado con maiores garantías de éxito. Así, nas tres primeiras convocatorias esta aceleradora permitiu apoiar 26 iniciativas, das cales 13 son empresas de nova creación, que xeraron 87 empregos, un volume de negocio estes tres últimos anos de 3,4 millóns de euros e investimentos por valor de 5,4 millóns.

A xornada celebrada hoxe permitiu coñecer en profundidade dez dos proxectos que participaron na terceira edición, centrados en aspectos como a ciberseguridade e a intelixencia artificial; a produción de proteínas alternativas ou bebidas a partir da fermentación dos azucres do soro da queixaría; en sistemas de control do transporte de mercadorías perecedoiras ou a creación de tendas de conveniencia intelixentes, entre outros.

Conde agradeceu a colaboración de todas as entidades que acompañan á Xunta de Galicia nesta iniciativa, entre as que se atopan Clusaga, desenvolvendo segundo explicou o vicepresidente económico un gran labor de coordinación; as empresas tractoras do sector agroalimentairo e da cadea mar-industria, polo apoio e asistencia que prestan aos proxectos participantes; as tres universidades e centros tecnolóxicos como Anfaco-Cecopesca, Gradiant ou o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG); e outras entidades como a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca) ou a Cámara de Comercio de Santiago.

Segundo sinalou Conde, o mesmo espírito construtivo que guía a Business Factory Food permitiu poñer en marcha a oficina técnica para impulsar a candidatura galega ao perte agroalimentario que segundo o Goberno central se vai convocar neste primeiro trimestre do ano.

O labor desta oficina é captar e promover proxectos do sector agroalimentario galego susceptibles de ser apoiados con fondos europeos Next Generation ou doutras convocatorias. O obxectivo é mobilizar os distintos actores e territorios das cadeas agro e mar-industria para consolidar proxectos transformadores no sector desde o punto de vista da dixitalización e a sustentabilidade.

Ademais, actuará como observatorio doutras convocatorias nacionais e europeas, identificando oportunidades e definindo proxectos tractores e singulares compatibles cos diferentes programas e liñas de axudas.

 

Category: