A Xunta de Galicia apoia á biotecnolóxica Oncostellae para que avance nos ensaios clínicos con novos compostos farmacéuticos

Monday, July 4, 2022 - 11:45
  • A través de XesGalicia concede un préstamo participativo de ata 500.000 euros
  • Galicia conta coa Estratexia de consolidación do sector biotecnolóxico galego coa que se agarda mobilizar 660M€ ata 2025 e crear máis de 500 novos empregos vinculados a este sector

XesGalicia, organismo investidor dependente da Xunta de Galicia, participará, a través do seu fondo Galicia InnovaTech, nunha ronda de financiamento da compañía biotecnolóxica Oncostellae -na que tamén participan Inveready, Fitalent e Julio Castro- a través dun préstamo participativo de ata 500.000 euros.

A empresa, con sede en Santiago de Compostela e fundada en 2013 por un grupo de investigadores da USC liderados por Mabel Loza, conxuntamente co emprendedor biotecnolóxico Julio Castro, está especializada no desenvolvemento de novos compostos farmacéuticos para o tratamento de intestino inflamado, cáncer de colon e enfermidades inmunolóxicas, centrándose no descubrimento de novos compostos e o seu desenvolvemento desde as fases iniciais ata a proba de concepto en pacientes. 

Nestes intres conta con dous compostos en fase de desenvolvemento clínico e o financiamento permitiralle avanzar cos ensaios actuais e obter os datos científicos que a industria demanda. É a primeira empresa galega que logrou avanzar un fármaco first-in-class ata os ensaios clínicos, que están sendo realizados en varios hospitais españois liderados desde Galicia e por parte do doutor Manuel Barreiro, referente en colitis ulcerosa, pechando así o ciclo completo da cadea de valor ata o paciente en Galicia.

Con esta operación a Xunta segue amosando o seu compromiso co sector da biotecnoloxía, un eido para cuxo impulso o Goberno galego conta coa Estratexia de consolidación do sector biotecnolóxico galego 2021-2025, que mobilizará 660 millóns de euros neste quinquenio, o dobre que no período anterior, para favorecer un crecemento verde e sustentable. Permitirá incrementar nun 50% o número de empresas e crear máis de 500 novos empregos cualificados vinculados a esta actividade.

Actualmente, Galicia conta cun sector biotecnolóxico competitivo a nivel nacional e internacional, xa que é a segunda comunidade autónoma que máis empresas biotecnolóxicas creou.

 

Oncostellae
Category: