Feijoo anuncia unha nova convocatoria de Galicia Exporta Empresas para axudar a 300 pemes e a autónomos a incrementar as vendas ao exterior e mellorar a súa competitividade

Jueves, 2 Marzo, 2017 - 13:00
  • Destaca tamén a posta en marcha das axudas á contratación dos xestores de internacionalización
  • Salienta que o labor do Goberno é “seguir impulsando coas súas políticas esta deriva de éxito da exportación galega”

 

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe unha nova convocatoria do programa Galicia Exporta Empresas para, cun orzamento de 6 millóns de euros (un 20% máis respecto á convocatoria anterior), axudar a 300 pemes a incrementar as vendas ao exterior e mellorar a súa competitividade.

Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo subliñou que, por primeira vez, este programa non só se destina ás pequenas e medianas empresas, senón tamén aos autónomos, chegando a subvencionar o 70% do investimento nas seguintes actividades: prospeccións en mercados internacionais e actuacións de difusión e promoción, como a participación en feiras e exposicións. Así mesmo, o responsable do Goberno galego subliñou, como novidade, que se apoiará tamén aos solicitantes que operando en Galicia, queren captar clientes estranxeiros.

A anterior convocatoria deste programa concedeu axudas para facilitar a internacionalización de 232 empresas galegas. E, entre as pemes beneficiadas destacaron as agroalimentarias, as de téxtil, construción, servizos e maquinaria e equipamento.

Neste mesmo eido, o presidente da Xunta referiuse tamén á posta en marcha das axudas á contratación dos xestores de internacionalización, un programa que, ao igual que o Galicia Exporta Empresas, este ano ábrese tamén aos autónomos.

A iniciativa facilitará a contratación de persoas especializadas en comercio internacional, tanto de novos profesionais como, por primeira vez, de expertos maiores de 45 anos que estean no paro. Feijóo engadiu que cubrirá ata o 85% do salario neto durante 15 meses de contrato.

O presidente da Xunta concluíu incidindo en que o mérito das boas cifras en exportación é das empresas galegas e salientou que o labor do Goberno é “seguir impulsando coas súas políticas esta deriva de éxito da exportación galega”.

Categoría: