Conde subliña que a segunda edición da Business Factory Auto potenciará a captación de proxectos e a difusión internacional

Jueves, 8 Junio, 2017 - 09:45
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, subliña que esta iniciativa é a constatación de como Galicia traballa desde a unidade de acción para poñer á automoción galega á cabeza da innovación europea
  • Ábrese ata o 15 de agosto o prazo para que poidan presentarse novos proxectos para a segunda convocatoria da BFA, na que participarán un máximo de 10 proxectos na fase de aceleración e 10 na fase de consolidación

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe na presentación da segunda edición da Business Factory Auto (BFA) que esta potenciará a captación de proxectos e a difusión internacional da iniciativa.

Na súa intervención, Conde apuntou que a BFA naceu para ser un centro de referencia internacional que dese resposta aos desafíos globais da industria automobilística, unha meta para a que se sumaron os esforzos do Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga), PSA, Zona Franca e a Xunta. Neste sentido sinalou que esta aceleradora é a constatación de como a industria tractora, as empresas de compoñentes e os centros de coñecemento traballan desde a unidade de acción para poñer á automoción galega á cabeza da innovación europea; e que permite que Galicia se sitúe na vangarda da transición tecnolóxica.

Apuntou o responsable de Economía, Emprego e Industria que os proxectos participantes na primeira edición deixan constancia de que o futuro da automoción galega pasa polo emprendemento, a innovación e a captación e retención de talento, concretando novas ideas que permitan ao sector ser máis competitivo.

Así, estas empresas achegan propostas concretas en eidos como a fábrica intelixente; a loxística 4.0; as comunicacións vehículo a vehículo; o coche conectado; a eficiencia no motor; a reparación automática; a xeolocalización e a condución segura. Propostas que están xerando xa, tal e como salientou Conde, máis de 40 empregos, e que xorden das universidades, dos centros tecnolóxicos e principalmente da propia industria, na que se están xerando spin outs.

Agora, ábrese ata o 15 de agosto o prazo para que poidan presentarse novos proxectos para a segunda convocatoria, na que participarán un máximo de 10 proxectos na fase de aceleración e 10 na fase de consolidación, aberta a participantes na primeira edición.

Tal e como salientou Conde, a Business Factory Auto enmárcase na Rede Galega de Aceleradoras impulsada pola Xunta, que xoga un papel clave transformando iniciativas innovadoras en empresas. A través da mesma desenvolvéronse, nos catro últimos anos, 500 proxectos que supuxeron a mobilización de 14 millóns de euros, destacando iniciativas de éxito como VíaGalicia, na que tamén se colabora coa Zona Franca. Neste contexto, a Business Factory Auto constitúe un modelo diferenciado de aceleración, destacando o intenso apoio da industria tractora e de compoñentes, facilitando un networking sectorial que lle outorga valor engadido aos proxectos participantes.

Conde salientou que esta é unha aceleradora pioneira por concentrar a capacidade innovadora dun só sector, e por apoiar os proxectos desde as fases iniciais ata a súa consolidación, o que permitirá mobilizar 20 millóns de euros de investimentos públicos e privados ata 2020 para que a automoción galega siga á vangarda.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria apuntou que para continuar a incrementar a competitividade da automoción galega, o sector seguirá a contar co compromiso firme da Xunta, incidindo na innovación, os investimentos e a formación. Do mesmo xeito, sinalou que se seguirá a apostar por esta industria con iniciativas o futuro plan sectorial de formación específico para o eido da automoción.

Business Factory Auto
Categoría: