A Xunta promove a confluencia de recursos públicos e privados para optimizar o apoio a novos proxectos emprendedores

Miércoles, 22 Noviembre, 2017 - 09:45
  • O director do Igape, Juan Cividanes, salienta as ferramentas que ofrece a Xunta para achegar formación e asesoramento adaptados a cada momento do emprendemento
  • Destaca que os emprendedores galegos dispoñen de instrumentos financeiros especializados para atender as diferentes necesidades, nas fases de creación, crecemento, consolidación ou internacionalización de novas empresas

O director do Igape, Juan Cividanes, participou este mediodía na Coruña na inauguración do espazo Talentiers, onde destacou o compromiso da Xunta para ofrecer unha rede completa de servizos e axudas a emprendedores, facilitando a confluencia de recursos públicos e privados para procurar que ningún proxecto viable quede sen desenvolver por non contar coas ferramentas axeitadas ás súas necesidades.

Logo de referirse á promulgación da Lei de Emprendemento, en decembro de 2013, como instrumento básico para a promoción e dinamización das novas iniciativas empresariais en Galicia, o director do Igape recoñeceu que é un ámbito de traballo onde é fundamental a colaboración de todos os axentes con experiencia.

Cividanes lembrou que a Xunta, a través do Igape, ofrece recursos de formación e asesoramento que se adaptan a cada fase e tipo de proxecto, así como aceleradoras sectoriais ou transversais como os espazos coworking ou as aceleradoras impulsadas mediante iniciativas de colaboración con entidades como a Axencia Galega de Innovación (GAIN). Tamén se referiu a aceleradoras especializadas como a Business Factory Auto, que sobresaen polo seu alto compoñente innovador.

O director do Igape subliñou, por outra banda, que os emprendedores galegos dispoñen dun variado abano de instrumentos financeiros especializados para atender as diferentes necesidades, tanto na fase de creación ou posta en marcha, como nas de crecemento, consolidación ou internacionalización de novas empresas. Entre os instrumentos de apoio citou programas de axudas directas como Galicia Emprende, dotado con 5 millóns de euros e aberto á presentación de solicitudes ata o próximo 30 de novembro; os préstamos do Fondo Galicia Iniciativas Emprendedoras, de Xesgalicia; ou os novos instrumentos financeiros innovadores (IFIs), cos que se prevé apoiar especialmente proxectos innovadores e investimentos no ámbito da industria 4.0.

O emprendemento, sinalou Cividanes, necesita servizos e apoios para saír adiante, e novos espazos como o de Talentiers veñen a sumarse ao servizo de proxectos empresariais, especialmente para os innovadores con vocación internacional. Este compromiso cos novos emprendedores resulta crucial para consolidar o crecemento da economía e a creación de emprego de calidade, engadiu.

Categoría: