A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou en Ferrol no ‘Demo Day’ deste programa centrado no sector marítimo e a Industria 4.0 e impulsado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Navais e Oceánicos co apoio da Xunta
A iniciativa forma parte da Rede Galega de Aceleradoras, que contribúe á creación de novos proxectos empresariais innovadores e á atracción e retención de talento
Esta Rede leva mobilizados 14 millóns de euros e impulsado máis de 500 proxectos empresariais
A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey Vilar, participou esta mañá na apertura do Demoday da aceleradora “Innovación Oceáno Azul 4.0”, promovida polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Navais e Oceánicos (COIN) e apoiada pola Xunta a través da convocatoria de axudas ás aceleradoras de apoio ao emprendemento innovador.
Argerey destacou o avance que o ecosistema emprendedor e a actividade investidora en Galicia está a experimentar e que converte á nosa Comunidade nun espazo moi atractivo para que calquera persoa ou entidade que teña unha idea innovadora de negocio veña a Galicia a desenvolvela. De feito, as catro startups que están a participar no programa de aceleración Océano Azul, especializado en proxectos do sector marítimo, proceden de toda España e actualmente están a desenvolver os seus proxectos aquí.
Ademais, Argerey apuntou que grazas á Rede Galega de Aceleradoras de Innovación, se está apoiando a creación de novos proxectos empresariais innovadores e a captación e retención de talento en sectores clave para o crecemento económico de Galicia como o marítimo, o sanitario, a loxística ou as TIC, aliñados cos retos e prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3). Nos últimos anos, a través desta rede a Xunta leva mobilizados 14 millóns de euros e apoiado máis de 500 proxectos de emprendemento.
Programa de Aceleración Innovación Oceáno Azul 4.0
O programa de Aceleración “Innovación Océano Azul 4.0” foi un dos seis programas de aceleración apoiados por GAIN a través dunha convocatoria de axudas pioneira dirixida a promover o emprendemento innovador desde o eido privado en Galicia.
O obxectivo deste programa, impulsado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Navais e Oceánicos, é acelerar proxectos especializados no sector marítimo, máis especificamente no ámbito da Industria 4.0, e a súa transformación en empresas innovadoras e viables, contribuíndo deste xeito a fortalecer o posicionamento do sector marítimo en Galicia, aumentar a súa proxección internacional e atraer e reter talento innovador.
Desde maio pasado catro startups, Nido Robotics, Fuvex Civil, Javalsub-Hycogen e Janus System, están participando neste programa que inclúe un período de seis meses de acceso a asesoramento, mentorización, desenvolvemento de negocio e alianzas coa industria marítima (ás que as empresas poden aportar solucións tecnolóxicas) e as súas redes. Ademais, os catro proxectos reciben un financiamento directo de GAIN e poden optar a financiamento adicional a través do Fondo de capital risco Galicia Iniciativas Emprendedoras de XesGalicia.
Nido Robotics é unha empresa creada en Murcia e dedicada ao desenvolvemento e venda de novos vehículos de exploración e inspección submarina (ROV) de baixo custo orientados a emprendedores, empresas e organismos públicos con necesidades de inspección e adquisición de datos na contorna mariña. Os promotores buscan o establecemento dunha sede de investigación, soporte técnico e comercial en Galicia, debido á importancia dos sectores marítimo, pesqueiro e acuicultura que hai na Comunidade. Xa contan con varios clientes en Portugal, Galicia e Asturias, que serán transferidos á sede galega.
Pola súa banda, Fuvex Civil é un proxecto xurdido en Pamplona que ten como misión dar acceso a grandes empresas e institucións á aeronáutica mediante drons híbridos avión/ multirrotor. O proxecto xurdido en Pamplona, do ámbito marítimo, e cuxa tecnoloxía xa está patentada, ten potencial en diferentes rangos de pesos e sectores (civil, militar, marítimo, etc).
Procedente de Madrid, o proxecto Javalsub-Hycogen ofrece sistemas enerxéticos baseados en pilas de combustible e tecnoloxías de hidróxeno aplicables á propulsión de vehículos non tripulados e para sistemas portátiles. Xa contan con clientes como a Garda Civil e a Armada, entre outros, e teñen dúas patentes aprobadas. A tecnoloxía está nestes momentos en fase de proba concepto e queren constituír a empresa co apoio da aceleradora.
Por último, Janus System, tamén procedente de Madrid, propón un sistema conxunto de hardware, software e sensores que pode ser instalado en calquera buque existente ou en construción, permitindo un aforro importante de custos, de tempo nas rutas e unha minimización do impacto ambiental. Integra nun único sistema a seguridade marítima, a eficiencia enerxética e a emisión de gases de CO2 e a navegabilidade, achegando o concepto de smartship. Xa dispón de clientes, entre os que se encontran armadores de buques e estaleiros.