A nova medida creada por Xesgalicia ten como obxectivo incrementar o apoio ás empresas financiadas á vista da magnitude das consecuencias negativas que a loita contra o COVID-19 está a ocasionar
O pasado día 23 de marzo Xesgalicia daba a coñecer a oportunidade de acceder a unha condonación no pago de intereses e unha moratoria no pago do principal destinado a aquelas empresas financiadas impactadas polo COVID-19. Dita medida estaba limitada temporalmente a aqueles intereses xerados no primeiro trimestre e ás primeiras cotas de principal do exercicio.
Co obxectivo de incrementar o apoio ás empresas financiadas e á vista da magnitude das consecuencias negativas que a loita contra o COVID-19 está a ocasionar, Xesgalicia comunica unha nova medida de apoio:
Ampliación da condonación no pago de intereses e do aprazamento no pago de principal ao segundo trimestre do exercicio, logrando así unha cobertura total do primeiro semestre do 2020.
Para os efectos dun mellor entendemento da medida elaborouse un novo documento de preguntas frecuentes e respostas, adxunto na presente comunicación.
Desde o día 24 de abril e ata o 22 de maio de 2020 (ambos inclusive) aquelas empresas financiadas que desexen optar á nova medida de condonación e/ou á moratoria deberán achegar debidamente cumprimentada a Declaración Responsable adxunta na presente comunicación.
Esta medida ampliada é independente e complementaria á inicial, polo que poderá solicitarse a mesma independentemente de se se solicitou a primeira ou non.
Xesgalicia pon esta medida en marcha co fin último de continuar axudando a mitigar os efectos da situación actual, así como para seguir apoiando a aqueles proxectos viables que se viron afectados por unha situación conxuntural e non estrutural.