martes, 11 Marzo, 2025 - 19:00
- Sinala que esta compañía “engloba toda a cadea de valor da propia fabricación pero tamén da innovación e a comercialización”
- Pon valor o labor de Xesgalicia, brazo investidor do Igape, “co que imos acompañando ás empresas para facelas medrar”
- Lembra que para este 2025 Xesgalicia conta con 140 millóns de euros dispoñibles para investimentos “dos que prevemos utilizar máis de 20 millóns”, di
- O Porriño (Pontevedra), 11 de marzo de 2025
- A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe o papel da Xunta como canle alternativa de financiamento para apoiar fortalecemento das empresas galegas.
- Lorenzana visitou esta mañá as instalacións do grupo Zendal con máis de 30 anos de traxectoria e que, segundo dixo “pon enriba da mesa o valor que a industria da biotecnoloxía en Galicia”. Ademais, tal e como explicou, “engloba toda a cadea de valor da propia fabricación pero tamén da innovación e o desenvolvemento previo e a comercialización”.
- Durante a visita, a conselleira puxo en valor o labor de Xesgalicia, “o brazo investidor do Igape” e sinalou que “precisamente esta empresa é un exemplo de como a colaboración e a participación de Xesgalicia foi capaz de acompañar a esta compañía ata converterse no grupo empresarial que é na actualidade”.
- Neste sentido, a titular de Economía e Industria, subliñou que a día de hoxe, Xesgalicia conta cun volume de investimento de preto de 500 millóns de euros en 520 operacións aprobadas (entre participacións en capital e préstamos participativos) en máis de 300 empresas. “Imos acompañando a estas empresas para facelas medrar e para converternos desde o primeiro momento en socios e colaboradores, e nunha alternativa ao financiamento privado”, subliñou.
- Finalmente, explicou que no 2025 Xesgalicia conta con 140 millóns de euros dispoñibles para investimentos “dos que prevemos utilizar máis de 20 millóns”, dixo, ao que hai que engadir tamén que, para este ano, os apoios do Igape ás empresas en materia de financiamento superan os 150 millóns de euros, cun incremento do 45%, o orzamento máis alto dos últimos cinco anos.
- O Grupo Zendal
- Zendal é a marca corporativa do grupo biotecnolóxico enfocado na investigación, o desenvolvemento, a fabricación e a comercialización de vacinas e outros produtos farmacéuticos de alto valor engadido para a saúde. Neste momento conta con tres centros de I+D e diversas plantas de produción farmacéutica nos seus laboratorios do Porriño, León, Barcelona, e Paredes de Coura en Portugal.
- Nos últimos cinco anos, Zendal investiu máis de 100 millóns de euros para fortalecer o seu liderado no sector da saúde. Este esforzo materializouse nun importante investimento en I+D para o desenvolvemento de vacinas para a saúde humana e animal, a construción de novas instalacións biofarmacéuticas con capacidade produtiva a grande escala, así como tamén na adquisición de dúas compañías do sector.
- Grazas a isto, a capacidade produtiva en viais de vacinas medrou un 1.480 % consolidando o compromiso de Zendal coa saúde global e a produción farmacéutica de vacinas.
Categoría: