Sodiga Galicia acada os 50 anos de historia, manténdose como referente para o desenvolvemento e consolidación da economía e industria de Galicia

martes, 15 Novembro, 2022 - 12:00
  • Sodiga Galicia constituíuse o 14 de novembro de 1972, por parte do Instituto Nacional de Industria e de varias entidades financeiras

Sodiga Galicia ten por obxecto social básico o apoio a iniciativas empresariais e industriais que impulsen o desenvolvemento económico de Galicia. Este apoio formalízase a través de participacións no capital das empresas, aínda que tamén pode instrumentalizarse mediante préstamos. 

En orixe, a sociedade constituíse co nome de “Sociedade para o Desenvolvemento Industrial de Galicia”, o 14 de novembro de 1972, por parte do Instituto Nacional de Industria -INI- (cun 51%) e das Caixas de Aforro de Galicia, o Banco Pastor e o Banco de Bilbao, se ben comezou a súa actividade no mes de febreiro de 1973. No ano 1995 formalizouse a adquisición da sociedade por parte da Xunta de Galicia do capital previamente titularidade do INI. 

Na actualidade, e tras varias ampliacións de capital ao longo das últimas décadas, o capital de Sodiga Galicia concéntrase nun 76% en mans da Xunta de Galicia, mentres que o restante capital repártese entre Abanca, BBVA e o Banco Santander. Desta forma, Sodiga Galicia forma parte do conxunto de instrumentos dispoñibles en Galicia para o apoio de iniciativas empresariais, tales como o Instituto Galego de Promoción Económica, a Axencia Galega de Innovación ou XesGalicia (entidade que xestiona os activos de Sodiga Galicia dende o ano 1999). 

Xa no seu primeiro ano de actividade, 1973, Sodiga Galicia procedeu a efectuar catro investimentos: Lácteas del Atlántico (fabricación de produtos lácteos), Proullasa (fabricación de pasta química branqueada), Refractarios de Sant-Yago (fabricación de refractarios) e Acuicultura del Atlántico (cultivo de ostra). 

A lo longo dos seus 50 anos de existencia, Sodiga Galicia participou en multitude de proxectos e iniciativas en diversos sectores produtivos. Algúns dos exemplos máis notables de actividade e apoio financeiro, en función do sector de actividade, correspóndense cos seguintes: 

  • Industria: Facet Ibérica Poligal, Matrigalsa, Tromosal, Gamelsa, Intasa, Losán, CZVeterinaria, Urovesa, Unvi, Castrosua, Dinak, Incipresa ou Copo.
  • Agroindustrial e acuicultura: Galacteum, Frinova, Insuiña, Clesa ou Quegalsa.
  • Naval: Rodman, Navigasa, Barreras ou Vulcano.
  • Vitivinícola: Martín Códax, Condes de Albarei ou Terras Gauda.
  • Pedra natural: Graninter, Granitos Ibéricos ou Irosa.
  • Enerxía: Engasa, Pemalsa ou Allarluz.
  • Sociedades de garantía recíproca: AFIGAL e SOGARPO.

Para celebrar o 50º aniversario de Sodiga Galicia iniciarase un conxunto de actividades divulgativas e conmemorativas durante os vindeiros meses, tal e como a difusión das memorias de actividade das súas primeiras décadas ou a elaboración dunha publicación que mostre, con perspectiva histórica, a actividade e impacto xerado sobre a economía e industria Galegas. 

 

Categoría: