- Xunta e Zona Franca achegan capital e consultaría individualizada para potenciar o éxito de novas empresas
- Os equipos elixidos recibirán un financiamento de 1.250.000 euros en préstamos participativos e achegas a fondos perdido
- Os responsables dos proxectos terán agora que constituír as súas sociedades e traballar ao longo dos próximos 6 meses nos seus modelos de negocio no espazo coworking de Porto do Molle
- ViaGalicia vén de recibir hoxe o Premio ‘Lacon Iniciativa’ co que se recoñece aos organismos que achegan apoios á creación de empresas e ao emprendedor
Santiago, 29 de xaneiro de 2016.- Un total de quince proxectos vén de ser seleccionados para a fase final de aceleración de empresas, dos que oito proceden da sede de Lugo e sete de Vigo. Un comité técnico de ViaGalicia, un programa promovido polo Consorcio da Zona Franca e o Goberno galego, elixiu hoxe estes proxectos de base tecnolóxica, científica ou de coñecemento de diferentes sectores para pasar á fase final de aceleración, na que recibirán titoría, mentoring e capital para apoiar a súa saída ao mercado cas maiores garantías de éxito.
Os 15 proxectos seleccionados na terceira edición desta iniciativa recibirán, segundo o programa que se desenvolve a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) e as sociedades de capital-risco XesGalicia e Vigo Activo, un financiamento de 1.250.000 euros en préstamos participativos e achegas a fondo perdido.
Os responsables dos proxectos deberán agora dar o salto entre ser emprendedores e empresarios. Deste xeito, todos eles terán que constituír as súas sociedades. Así mesmo, e, ao longo de 6 meses, os equipos terán que traballar os seus modelos de negocio no espazo de coworking do Centro de Negocios de Porto do Molle baixo a supervisión do equipo de ViaGalicia e titores especializados.
ViaGalicia é unha aceleradora de empresas e está considerada como unha das máis potentes de España. De feito, hoxe mesmo recibiu o Premio ‘Lacon Iniciativa’, un galardón co que se recoñece a aqueles organismos, organizacións, asociacións e fundacións, públicas ou privadas, que desde diferentes eidos achegan apoios e axudas á creación de empresa e ao emprendedor.
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou, tras coñecerse o resultado dos proxectos finalistas, a súa confianza no esforzo dos equipos emprendedores e o apoio que recibirán. “Dentro de seis meses estas empresas chegarán a ser parte do tecido empresarial galego creando emprego e riqueza no seu contorna”, sinalou.
Os finalistas
Entre os proxectos seleccionados destacan Alfapilot, que desenvolve un dispositivo de navegación dirixido á aeronáutica recreativa; Nubings, unha solución IoT (Internet of things) personalizable para smartphones que permite aforros enerxéticos; Biwid, unha solución integral de apps de noticias para editores e medios; Oposita Test, unha ferramenta online para a preparación de oposicións; ou Peryco, un comparador online de perfumaría e cosmética para o consumidor final.
O comité técnico de ViaGalicia tamén seleccionou a diferentes plataformas que permiten ordenar coleccións de fotografía e recuperar as súas historias como Phottic, ou Twibex35, especializada no IBEX35, que permite captar o sentimento de mercado sobre análises de datos de social media.
Tamén foron elixidos A Despensa do Campo, plataforma de venta directa de produtos agrícolas; Castañam, empresa que comercializará pan e empanadas elaboradas con fariña de castaña co 100 por cento de materia prima galega; Mercado Flotante, que permite a compra de todos os ingredientes necesarios para elaborar calquera culinaria do mundo.
Todos estes proxectos convivirán con Bendita Cociña, que contacta a chefs a domicilio coa xente que busca unha experiencia gastronómica de alto nivel na súa propia casa; Domesting, un sistema de reserva de profesionais e empresas de servizos domésticos de total confianza; Beta, Innovation for Veterinary Surgery, dedicada ao deseño, desenvolvemento, fabricación e subministro de implantes específicos para o sector veterinario; Resetea, de produción e comercialización de produtos innovadores, sostibles e socialmente responsables a través da reutilización de residuos; e VMS, Vehículo Motorizado Stilz, de fabricación, homologación e comercialización dun innovador vehículo de tres rodas 100 por cento eléctrico.
Así mesmo, é preciso lembrar que os responsables de ViaGalicia poranse en contacto nos próximos días cos equipos dos proxectos que non foron elixidos para analizar as opcións que mellor se adapten ás diferentes ideas de proxectos e fases de maduración empresarial. Estas alternativas responden á vontade de incluír ao maior número de emprendedores, xa que o obxectivo deste programa é ver como as grandes propostas do noso contorno pódense converter en negocios de éxito.