- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), participou na inauguración da nave de UARX Space en Porto do Molle
A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou na inauguración da nave da empresa UARX Space no polígono de Porto do Molle (Nigrán), dedicada á loxística espacial ou transporte de satélites “CubeSats” a órbita.
A directora da Axencia Galega de Innovación destacou a importancia do subsector do new space ao que pertence esta compañía en Galicia, porque crece a gran velocidade e está ben posicionado. Ademais, apuntou que se trata dunha área estratéxica para Galicia, na medida en que conta con alta tecnoloxía que contribúe á transformación industrial de Galicia cara a modelos baseados no coñecemento e na innovación en liña coa Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3).
Na mesma liña, apuntou que exerce un efecto tractor sobre outros sectores estratéxicos galegos aumentando as capacidades tecnolóxicas da comunidade e impulsando a súa especialización cara a produtos e servizos de alto valor engadido. E, por último, porque se trata dun sector con gran potencial de crecemento.
Neste contexto, co obxectivo de apoiar o crecemento da empresa e permitirlle medrar máis rápido, Argerey lembrou que a empresa acaba de recibir un préstamo participativo con opción de conversión de XesGalicia, a través do Fondo Galicia Innova Tech FICC. A través deste fondo a Xunta apoia proxectos con marcado carácter innovador de empresas tecnolóxicas, en fase de expansión e consolidación.
Argerey aproveitou para felicitar á compañía pola recente concesión dun contrato para o desenvolvemento dun lanzador de pequenos satélites a un consorcio de empresas españolas entre as que se atopa a compañía nigranesa. A directora de Gain sinalou que esta concesión é unha gran noticia para Galicia porque permite ampliar aínda máis as capacidades no ámbito do sector aeroespacial, xerar coñecemento e riqueza.
Por último, destacou o compromiso da compañía co fomento das vocacións científico-tecnolóxicas entre a mocidade, a través de iniciativas como o programa “Europa ao Espazo”, que lle permitiu a 32 grupos de estudantes recibir formación específica e participar no desenvolvemento dun pequeno satélite desde o seu deseño e fabricación ata a posta en órbita e operacións, co apoio da Xunta de Galicia.