A Xunta destaca o completo abano de instrumentos de formación e financiamento ao servizo do emprendemento en Galicia

martes, 6 Xuño, 2017 - 11:30
  • O director do Igape, Juan Cividanes, salienta que a Consellería de Economía, Emprego e Industria está empeñada en procurar que ningún proxecto viable quede sen desenvolver por falta de instrumentos de apoio adaptados ás súas necesidades
  • Os emprendedores dispoñen de recursos para a súa formación, asesoramento para completar os seus plans de empresa e aceleradoras ou viveiros para as primeiras etapas de posta en marcha, aceleración, consolidación ou internacionalización
  • Cividanes destaca o programa Galicia Emprende, dotado con 5 millóns de euros, como un dos instrumentos preparados para apoiar a creación de novas compañías ou o desenvolvemento de empresas de recente creación

O director do Igape, Juan Cividanes, visitou hoxe as instalacións do viveiro de empresas da Cámara de Santiago -destacada por un estudo de Funcas entre as mellores de España–, onde destacou o completo abano de instrumentos de formación e financiamento habilitados pola Xunta de Galicia para facilitar, no marco da Lei de emprendemento, a posta en marcha, o desenvolvemento e a internacionalización de novas empresas en Galicia.

Durante o seu percorrido polas instalacións no polígono da Costa Vella, onde se aloxan na actualidade preto de trinta novas empresas, Cividanes salientou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria ten como obxectivo prioritario procurar que ningún proxecto viable quede sen desenvolver por falta de instrumentos de formación, asesoramento ou apoio adaptados ás diferentes fases de desenvolvemento das iniciativas.

Subliñou que os emprendedores dispoñen de variedade de recursos para a súa formación, así como de asesoramento experto e gratuíto para completar e avaliar financeiramente os seus plans de empresa, e de aceleradoras ou viveiros para as primeiras etapas de posta en marcha ou consolidación.

Entre os instrumentos de apoio activados neste momento, Cividanes salientou o programa Galicia Emprende, dotado con 5 millóns de euros, para apoiar a creación de novas compañías ou o desenvolvemento de empresas de recente creación. O programa Galicia Emprende está preparado para conceder apoios de ata 175.000 euros para a posta en marcha ou a consolidación temperá de empresas impulsadas por autónomos e emprendedores, facilitando así a xeración de emprego de calidade en Galicia.

O prazo para a presentación de solicitudes ao amparo da primeira convocatoria do programa Galicia Emprende está aberto ata o próximo 20 de xuño, e irá seguido doutras dúas convocatorias que se abrirán de forma sucesiva, o 30 de xuño e o 10 de outubro, respectivamente, co obxecto de facilitar o deseño e a presentación de iniciativas. Este ano, a Xunta prevé apoiar deste xeito máis de 200 proxectos empresariais novos.

Emprendemento en Galicia
Categoría: