- Preto de 50 iniciativas emprendedoras de Galicia e norte de Portugal comezaron este mes o seu adestramento no programa impulsado por Telefónica, en colaboración coa Xunta
- Abarcan sectores tan diversos como o madeireiro, a saúde, a automoción, a gandería, a agricultura ou as smart cities
- Todos os profesionais e startups seleccionados contan cun patrocinio de 2.000 euros e os tres mellores proxectos da edición poderán recibir unha achega de ata 50.000 euros grazas ao Programa de Incentivos da Xunta
Santiago, 29 de setembro de 2015.- Responsables da Xunta e Telefónica coñeceron hoxe as preto de 50 iniciativas empresarias que participan a II edición de Galicia Open Future (GOF), o centro de emprendemento galego posto en marcha polo operador, en colaboración coa Administración autonómica, na Cidade da Cultura.
A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, (Amtega), Mar Pereira, xunto co director da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Manuel Varela; o director do Igape, Javier Aguilera, e o director de Telefónica para a zona Norte, Manuel Alonso, visitaron esta mañá o GOF, onde os propios responsables das startups lles explicaron en qué consistían as súas iniciativas empresariais.
Durante a visita os representantes autonómicos e de Telefónica coincidiron en destacar o talento e a calidade dos 48 proxectos participantes, 20 da Coruña, 12 de Santiago, 7 de Vigo, 3 de Lugo, 3 de Ourense e outros 3 de Vilagarcía, Tui e norte de Portugal. As iniciativas empresariais atópanse en diferentes fases de maduración (idea, prototipo, piloto, lanzamento, comercialización…) e abarcan sectores tan diversos como o madeireiro, a saúde, a automoción, a gandería, a agricultura ou as smart cities.
Por primeira vez, Galicia Open Future acolle un proxecto procedente da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, cuxa participación abre a porta a cooperación transfronteiriza entre ambas as rexións en materia de emprendemento e emprego.
Formación especializada
O obxectivo do programa, que vén de comezar a súa actividade neste mes, é impulsar a xeración de riqueza e o emprego en Galicia. Así, durante os seus seis meses de duración- prorrogables en períodos de 3 meses-, os emprendedores seleccionados poderán traballar na sede de Galicia Open Future, situada na Cidade da Cultura, e recibirán formación e adestramento especializado sobre financiamento, legalidade, márketing, e-commerce ou deseño de marca.
As materias impártense mediante talleres prácticos, sesións inspiradoras ou de innovación aberta e demolabs. Ademais, o equipo de GOF axúdalles a identificar posibles fontes de financiamento e facilítalles os contactos con fondos especializados en startups tecnolóxicas, como os que integran a rede Amérigo creada por Telefónica.
Programa de Incentivos da Xunta
A través do Programa de Incentivos da Xunta, a Axencia Galega de Innovación (GAIN) concede unha axuda de 2.000 euros a cada un dos proxectos seleccionados. Superada a primeira fase de formación, e unha vez evolucionados xa os proxectos, un xurado de expertos seleccionará aos tres mellores en función da súa achega aos sectores estratéxicos de Galicia, a súa innovación, o potencial de mercado, o grao de maduración e a súa viabilidade, ademais da súa composición multidisciplinaria, a súa motivación e o uso de tecnoloxía diferencial. Os tres seleccionados recibirán unha achega de ata 25.000 euros da Axencia Galega de Innovación, que deberá destinarse ao desenvolvemento do propio proxecto. Poderán acceder tamén a un préstamo reembolsable concedido por XesGalicia por un valor máximo doutros 25.000 euros.
Ademais da formación e o financiamento, os emprendedores seleccionados por Galicia Open Future poderán compartir experiencias con emprendedores de todo o mundo involucrados no programa de innovación aberta Open Future de Telefónica- no que se integra Galicia Open Future-, e que conecta a emprendedores, startups, investidores e organizacións públicas e privadas a nivel mundial.
Éxito de participación
Para esta segunda edición de Galicia Open Future, no que Telefónica inviste anualmente preto dun millón de euros, presentáronse máis de 180 startups de toda Galicia e Portugal, cincuenta máis que na pasada edición, cuxos proxectos experimentaron unha forte consolidación e aberto novas oportunidades de negocio, entrando en contacto con novos investidores e clientes (Telefónica, Sergas…), e accedendo, algúns, a outros programas de aceleración, e resultando outros gañadores de premios nacionais como Singularity University ou Emprendedor XXI. Ademais, a globalidade do Programa Open Future permitiulles tamén o contacto con outros países, facilitando a súa internacionalización.