- O programa ‘Sé Dixital’, que se desenvolve mediante un acordo de colaboración entre o Igape, a Escola de Organización Industrial e a firma de telecomunicacións, está aberto a todos os concellos galegos que desexen adherirse
- Este proxecto de capacitación dixital preparará a cidadáns e empresarios locais para a nova economía dixital mediante a aplicación das novas tecnoloxías á súa vida cotiá e ao desenvolvemento e dinamización dos seus negocios
A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a Escola de Organización Industrial (EOI) e a compañía de telecomunicacións Orange impulsan conxuntamente un programa gratuíto de formación en ferramentas dixitais para o desenvolvemento do emprendemento e a xeración de emprego en Galicia. O acordo de colaboración que vén de activarse entre o Igape, a Escola de Organización Industrial e a firma de telecomunicacións está aberto a todos os concellos galegos que desexen adherirse a este proxecto de capacitación dixital cidadá, que se desenvolverá a través dunha plataforma en liña.
O programa “Sé dixital” preparará a cidadáns e empresarios locais para a nova economía dixital mediante a aplicación das novas tecnoloxías á súa vida cotiá e ao desenvolvemento e dinamización dos seus negocios. O obxectivo deste acordo é convidar a todos os municipios galegos para que se adhiran a unha iniciativa cuxos fins son o impulso do desenvolvemento empresarial, a xeración de emprego e a retención do talento local a través das novas tecnoloxías.
Desta forma, as corporacións locais que se unan a “Sé Dixital”, apoiadas polo Igape, Orange e EOI, contribuirán a axudar a empresarios e emprendedores a mellorar a súa actividade profesional mediante a formación en habilidades dixitais que lles faciliten a aplicación das novas tecnoloxías para dixitalizar e desenvolver os seus negocios desde os seus municipios.
A economía dixital está a crear novas oportunidades de negocio, que á súa vez xeran novas necesidades formativas en ferramentas dixitais, innovación e emprendemento, ás que responde o programa “Sé Dixital”. Por iso, Igape, EOI e Orange, así como os concellos galegos adheridos, promoverán activamente a participación dos cidadáns nestes cursos, para os que xa está aberta a inscrición na web do programa. O período de formación, que terá unha duración de seis semanas, concluirá o 26 de xullo e é posible incorporarse ao mesmo ata quince días antes da súa finalización, é dicir, ata o 12 de xullo.
O programa “Sé Dixital” encaixa dentro dos obxectivos marcados pola Xunta na Axenda Galicia-Industria 4.0, e vén reforzar os instrumentos que está a impulsar o Goberno galego para promover a dixitalización do tecido produtivo, especialmente a través de programas como o ReAcciona TIC.