- O obxectivo é que lancen novos produtos e servizos ou melloren os seus procesos a través de axudas que alcanzan preto dos 100.000 euros de media por beneficiario
- Para a metade das empresas que acceden a estes apoios é a primeira vez que obteñen axudas de GAIN e, polo tanto, supón a súa primeira oportunidade para introducir ou consolidar a innovación
- A convocatoria apoia a contratación ou mantemento de 263 postos de traballo, a adquisición de equipamento, servizos de asesoramento e a obtención de licenzas e patentes
- Case oito de cada dez beneficiarias son pequenas e microempresas, sendo o sector TIC o más representado, e no 90% dos proxectos colaborarán organismos de investigación con sede en Galicia
A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), acaba de resolver a primeira convocatoria do programa Innova Peme, unha iniciativa pioneira destinada a mellorar a innovación nas pemes e microempresas galegas que, cun orzamento de 4,7 millóns de euros, permitirá mobilizar 9,5 millóns, beneficiando a un total de 49 compañías da Comunidade.
As axudas van destinadas a desenvolver ou incrementar as capacidades innovadoras de empresas que xa teñen ou comezan a ter un desempeño innovador pero que necesitan apoio para sistematizar, potenciar ou desenvolver dita actividade coa que lanzar novos produtos e servizos ou mellorar os seus procesos. Para iso, as compañías solicitantes deberon presentar un plan de innovación, unha folla de ruta que se desenvolverá durante un mínimo dun ano na que se recollen as actuacións a financiar a través do programa. De feito, para a metade das empresas beneficiarias é a primeira vez que acceden a axudas da Axencia Galega de Innovación, polo que tamén é a primeria oportunidade para consolidarse como empresas innovadoras.
Das axudas concedidas, o 45% destínanse a pequenas empresas (22), mentres o 33% (16) son para microempresas e as 11 restantes son para medianas empresas. Ademais, aínda que se apoiarán unha gran variedade de sectores, o que recibiu más apoios -un 24%- é o das TIC. Por outra parte, no 90% dos plans concedidos, as compañías colaborarán con algún organismo de investigación con sede en Galicia, polo que a convocatoria reforza a aposta pola innovación colaborativa que se trata de impulsar desde o Goberno galego a través doutras convocatorias como as Unidades Mixtas de Investigación, por exemplo. As axudas permitirán o mantemento ou creación de 263 postos de traballo e inclúe, tamén, a participación de 167 empresas provedoras.
Os apoios, que alcanzan de media preto de 100.000 euros cobren o 50% do orzamento subvencionable. Ditos apoios, a través do plan de innovación, poden destinarse á contratación de persoal, á adquisición de equipamento e material; e a licenzas de propiedade industrial. Tamén para a obtención, validación e defensa de patentes, certificacións e homologacións, a contratación de expertos doutras empresas e de servizos de asesoramento e apoio en materia de innovación, entre outros.
Esta nova iniciativa, prevista no programa Operativo Feder Galicia, busca a mellora da capacidade innovadora das empresas como vía para acadar unha maior competitividade e internacionalización e gañar tamaño e cota de mercado, o que responde aos obxectivos tanto da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) como da Axenda Galicia-Industria 4.0.
Ademais, as entidades beneficiarias destas axudas poderán solicitar acompañamento financeiro posterior para a comercialización e industrialización da innovación a través dos fondos de capital risco vinculados á innovación e que xestiona XesGalicia.