- A Administración autonómica, a través de XesGalicia, Asabys Partners e outros investidores xa presentes na compañía achegan un total de 2,3 millóns de euros
- Esta inxección de capital permitirá á compañía realizar ensaios clínicos co seu fármaco máis avanzado, unha nova molécula para o tratamento de fibrose gastrointestinal asociada á enfermidade de Crohn
A Xunta, a través da sociedade xestora de entidades de capital risco XesGalicia, apoia a consolidación da empresa biotecnolóxica Origo Biopharma, con sede no Parque Tecnolóxico de Galicia (San Cibrao das Viñas, Ourense), participando xunto con Asabys Partners e outros investidores xa presentes na compañía nunha rolda de financiamento na que en conxunto achegaron á compañía un total de 2,3 millóns de euros.
Esta inxección de capital permitirá á empresa chegar a ensaios clínicos co seu fármaco máis avanzado, unha nova molécula para o tratamento de fibrose gastrointestinal asociada á enfermidade de Crohn, así como avanzar nos seus programas en fibrose pulmonar idiopática e en cancro colorrectal.
Origo Biopharma, fundada en 2017 e socia do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga), desenvolve fármacos inhibidores de TGF-beta, unha diana terapéutica amplamente validada no campo da fibrose e da inmunooncoloxía, cunha tecnoloxía novidosa que permite evitar os efectos adversos asociados á inhibición desta diana e que tradicionalmente frearon o desenvolvemento desta clase de fármacos.