xoves, 6 Marzo, 2025 - 13:00
- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria dun novidoso programa que conta cun orzamento de cinco millóns de euros e permitirá subvencionar os xuros de préstamos concedidos con fondos Next Generation EU e Xesgalicia
- A medida busca favorecer a viabilidade económica das empresas beneficiarias e incentivar a utilización destas liñas de préstamos a longo prazo máis adaptadas ás necesidades de financiamento dos proxectos
- As solicitudes poderán presentarse a partir do 14 de marzo e ata o 1 de decembro de 2025
- Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2025
- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria dunha nova liña de axudas destinada a apoiar a autónomos e empresas galegas a través da subvención dos xuros dos seus préstamos. Cun orzamento de 5 millóns de euros, este programa permitirá aliviar a carga financeira das empresas e favorecer o crecemento e consolidación do tecido produtivo en Galicia.
- A medida, impulsada pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape, está dirixida ás empresas de calquera tamaño, tanto persoas físicas como xurídicas, que conten con préstamos concedidos con fondos públicos desde o ano 2020 para desenvolver proxectos empresariais en Galicia, e que desenvolvan unha actividade económica empresarial en Galicia.
- Así, a liña de axudas cobre os xuros xerados entre o 1 de xaneiro de 2025 e o 31 de outubro de 2026 dos préstamos formalizados con distintas entidades, entre as que se inclúen Xesgalicia, o Instituto de Crédito Oficial (ICO) e o Banco Europeo de Investimentos (BEI). O obxectivo é facer máis accesible o financiamento a longo prazo, garantindo que as empresas poidan afrontar os seus investimentos e plans de crecemento en condicións máis vantaxosas.
- A subvención concederase en réxime de concorrencia non competitiva, o que significa que todas as solicitudes que cumpran os requisitos serán atendidas ata esgotar o orzamento dispoñible. O importe máximo a recibir dependerá do volume de xuros xerados e das limitacións establecidas pola propia regulación europea.
- Prazos de solicitude
- O prazo para presentar as solicitudes abrirase o 14 de marzo ás 9.00 horas e pecharase o 1 de decembro de 2025 ás 14.00 horas. Unha vez concedida a axuda, os beneficiarios poderán solicitar o seu cobro en dúas fases.
- Unha primeira, que abrangue do 1 ao 15 de novembro de 2025 para os xuros xerados entre xaneiro e outubro de 2025; e unha segunda, do 1 ao 15 de novembro de 2026, para os xuros xerados entre novembro de 2025 e outubro de 2026.
- Con esta medida, a Xunta reforza o seu compromiso co crecemento empresarial e a dinamización económica de Galicia, apostando por ferramentas financeiras que faciliten o acceso ao crédito e impulsen o desenvolvemento de proxectos con impacto positivo na Comunidade.
Categoría: