A Xunta subliña que a aposta de Dinak pola industria 4.0. mellorará a súa competitividade e reforzará a súa presenza internacional

xoves, 22 Setembro, 2016 - 12:00
  • O director de Xesgalicia, Juan Cividanes, visitou esta mañá en Vigo as instalacións da compañía, que fabrica chemineas modulares, condutos de ventilación e aire acondicionado, exportando o 70% da súa produción

O director de Xesgalicia, Juan Cividanes, visitou esta mañá en Vigo as instalacións da empresa Dinak, fabricante de chemineas modulares para a evacuación de gases de combustión, e condutos de ventilación e aire acondicionado, da que destacou a súa aposta polo modelo de Industria 4.0 para mellorar a súa competitividade e buscar novas alternativas nos mercados internacionais.

Dinak acomete unha inversión de 5 millóns de euros nunha nova liña de produción que realiza a soldadura mediante tecnoloxía láser de fibra óptica, que mellora as prestacións dos produtos e permite desenvolver novas solucións adaptadas á demanda dos mercados internacionais mais esixentes. Esta nova liña automatizada, robotizada e con software de programación vencellado ao M.E.S. (Manufacturing Execution System) permite a captura de datos na planta.

Durante a visita coa dirección da empresa, Cividanes comprobou que a nova liña entrará en funcionamento o próximo ano e permitirá duplicar a capacidade produtiva da súa fábrica. O director de Xesgalicia destacou que a inversión de Dinak na planta de Vigo é un compromiso claro da compañía con Galicia.

Dinak conta con delegacións propias en cinco países (Francia, Italia, Bélxica, Alemaña e Gran Bretaña) e actividades comerciais en máis de 20 mercados. Exporta o 70% da súa produción aos países anteriores ademais de Polonia, República Checa, Qatar ou Israel, entre outros.

Dinak é unha empresa de capital galego con 33 anos de experiencia no sector que foi o primeiro fabricante español de chemineas modulares de aceiro inoxidable. Todos os produtos teñen o Marco CE por o TÜV de Munich e as certificacións particulares de cada un dos países no que opera. No 2015, obtivo unha cifra de negocio de 29 millóns de euros, empregou 200 traballadores en Galicia e 250 en toda Europa. 

Categoría: