O director de Xesgalicia, Juan Cividanes, vistou as instalacións da compañía no polígono industrial PenapurreiraEvasa, que comercializa a súa produción en máis de 20 países, está a optimizar o seu sistema de produción e a fabricación dun novo produto para incrementar a resistencia do vidro e impulsar as vendas en América
O director de Xesgalicia, Juan Cividanes, visitou esta mañá no polígono industrial Penapurreira, na localidade coruñesa das Pontes, as instalacións da empresa Encapsulantes de Valor Engadido (Evasa), da que destacou a súa aposta pola innovación para mellorar a competitividade e buscar novas alternativas nos mercados internacionais.
Evasa está a optimizar o seu sistema de produción e a fabricación dun novo produto que incremente a resistencia e durabilidade do vidro, tanto para a súa utilización no sector fotovoltaico como na construción civil. A empresa ten como obxectivo aproveitar esta innovación para impulsar as vendas deste produto no continente americano.
Neste sentido, o director de Xesgalicia sinalou a importancia da internacionalización e, máis en concreto, indicou que o mercado norteamericano é un obxectivo estratéxico, sobre todo pola aposta de Estados Unidos polas enerxías renovables, con especial atención ao sector eólico e fotovoltaico.
Cividanes sinalou que a empresa, con sede no municipio coruñés das Pontes e constituída en 2010, comercializa a súa produción en máis de 20 países, cunha cota do 1% do mercado mundial de encapsulantes para o sector fotovoltaico, debido sobre todo á súa aposta por desenvolver proxectos de I+D+i. Evasa obtivo o ano pasado unha cifra de negocio de 4,8 millóns de euros, cun incremento das vendas dun 30%.