A Xunta colabora con catro fondos de investimento que teñen permitido captar xa 9 M€ en Galicia

martes, 26 Abril, 2022 - 16:15
  • O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou esta mañá en Vigo as instalacións da start-up Bizaway, unha das empresas apoiadas a través do fondo Mundi Ventures
  • Destaca o compromiso do Goberno galego co apoio á consolidación de novas iniciativas empresariais e lembra o traballo que se está realizando para contar cunha Axenda de emprendemento

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, informou esta mañá de que a Xunta colabora con catro fondos de investimento -Mundo Ventures, Kibo Ventures, Kanoar Ventures e Ship2B Ventures- a través dos que xa se captaron 9M€ en Galicia. Deste xeito o Goberno galego, a través de XesGalicia, segue as recomendacións do Comité de expertos e fomenta o investimento directo en fondos privados para apoiar compañías que se atopan nos seus primeiros anos de vida e favorecer, así, a reactivación económica.

Unhas das empresas apoiadas, a través do fondo Mundi Ventures, é a start-up Bizaway, unha plataforma dixital que xestiona a organización de viaxes de empresa e que vén de abrir unha nova delegación en Vigo. Conde tivo a oportunidade de visitar as súas instalacións e coñecer de preto o labor que desenvolve esta compañía con sede en Italia e que se atopa en plena expansión, tras conseguir cuadriplicar a súa facturación en 2021 e acadar unha carteira de máis de 650 clientes activos. "Esta empresa é un exemplo de como Galicia está desenvolvendo un ecosistema empresarial e innovador a través de novas empresas tecnolóxicas e como desde a Administración impulsamos financiamento para este tipo de iniciativas", asegurou. 

O vicepresidente económico ratificou o compromiso da Xunta coa consolidación de novas iniciativas empresariais e lembrou o traballo que se está realizando para contar cunha Axenda de emprendemento. Unha folla de ruta que conterá novos itinerarios e instrumentos de apoio a proxectos innovadores, dixitais e sustentables, na que se seguirá contando con fórmulas que funcionan como os espazos coworking, as business factory, liñas como as do Galicia Emprende ou instrumentos financeiros.

Categoría: