A Xunta convoca unha nova liña de axudas por 5 millóns de euros para impulsar plans de innovación en pemes e microempresas galegas

luns, 24 Xullo, 2017 - 11:45
  • A Axencia Galega de Innovación mobilizará a través do programa Innova Peme 10 millóns de euros apoiando arredor de 60 compañías co obxectivo de que melloren a súa capacidade innovadora e lancen novos produtos e servizos ou melloren os seus procesos
  • A iniciativa busca fortalecer a competitividade das pemes galegas a través da mellora da súa capacidade innovadora
  • O prazo de solicitude é de dous meses e permanecerá aberto ata o 25 de setembro

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de axudas do novo programa Innova Peme, unha iniciativa pioneira da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación, destinada a mellorar a innovación nas pemes e microempresas galegas que, cun orzamento de 5 millóns de euros, permitirá mobilizar 10 millóns beneficiando arredor de 60 compañías da comunidade.

O prazo de solicitude é de dous meses e permanecerá aberto ata o vindeiro 25 de setembro. As axudas van destinadas a desenvolver ou incrementar as capacidades innovadoras de empresas que xa teñen ou comezan a ter un desempeño innovador pero que necesitan apoio para sistematizar, potenciar ou desenvolver dita actividade coa que lanzar novos produtos e servizos ou mellorar os seus procesos. Para iso, as compañías solicitantes deberán contar cun plan de innovación, unha folla de ruta que se desenvolverá durante un mínimo dun ano na que se recollerán as actuacións a financiar a través do programa.

Os apoios, que poderán alcanzar os 150.000 euros dependendo do tipo de compañía, serán do 50% do orzamento subvencionable, que se situará entre 100.000 e 200.000 euros para as micropemes e entre 150.000 e 300.000 euros para as pemes.

Ditos apoios, a través do plan de innovación, poderán destinarse á contratación de persoal, á adquisición de equipamento e material; e a licenzas de propiedade industrial. Tamén se poderán obter apoios a través destas axudas para a obtención, validación e defensa de patentes, certificacións e homologacións, a contratación de expertos doutras empresas e de servizos de asesoramento e apoio en materia de innovación, entre outros. Permitirase a subcontratación con organismos de investigación ou outras entidades, ata un máximo do 50% do custo total da actividade subvencionada. Ademais, as empresas beneficiarias poderán solicitar acompañamento financeiro posterior para a comercialización e industrialización da innovación a través dos fondos de capital risco para a innovación xestionados por XesGalicia.

Para solicitar estas axudas as empresas terán que presentar o informe Innobench, un estudo gratuíto e personalizado que permitirá coñecer o punto de partida da situación actual en materia de innovación da empresa. Dito informe elabórase mediante un sistema de medición froito da colaboración entre a Axencia Galega de Innovación, o Consorcio da Zona Franca de Vigo, a través do seu servizo de información empresarial ARDAN, e o traballo do grupo REDE da Universidade de Vigo.

Este novo programa, cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, busca a mellora da capacidade innovadora das empresas como vía para acadar unha maior competitividade e internacionalización e gañar tamaño e cota de mercado, o que responde aos obxectivos tanto da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) como da Axenda Galicia-Industria 4.0.

Categoría: